Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Que a luz do Labranza nos siga alumeando

O bar de Meiro, que programou centos de concertos nos últimos anos, bota o peche

Unha das actuacións de onte á noite.

Houbo choros ao través do Facebook, rogos e peticións máis ou menos insistentes dos fieis de todos os días e de todos os concertos. De todo para que Rafa recapacitase e reconsiderase a súa decisión. "Non nos podes deixar sen café e sen música", dixeronlle. Pero a decisión era firme: o Labranza pecha despois de convertirse nun refuxio seguro para moitos e tras organizar centos de concertos nos últimos anos. "Nunca pensei que ía chegar ata estas alturas. Cando collín o bar era moi novo, tiña pensado collelo por un tempo e poñer moito rock'n'roll. Pero ao final lieime máis do que tiña pensado", confesaba onte. E tanto que se liou: ao final a aventura prolongouse 16 anos. "O mundo da noite cansa e desgasta moito. Os taberneiros deberían poder xubilarse aos 40 anos de idade", manifesta.

Eses fieis que agora se sinten un pouco orfos levan días argallando despedidas e festas sorpresa para que a despedida sexa máis levadeira e para que por unha vez Rafa Portela desfrute da festa dende o outro lado da barra. "Resúltame imposible lembrar todos os grupos e bandas que pasaron por aquí. Moitas bandas e moitas músicas. Cada semana chegábanme como unhas 20 peticións de bandas que querían tocar aquí", conta. A programación estable de concertos comezou a partir de 2009 e dende aquela "bótalle que cada ano houbo unha media de 70 concertos". Grupos chegados de Galicia, de España, do resto de Europa e do outro lado do Atlántico. Botando a vista atrás lembra actuacións como a de Michelle Shocked, Matt Elliot, Pablo und Destruktion ou Zachary Cale, que convertira o Labranza nunha parada case obrigatoria cada vez que viña a Europa. "Non creas que era difícil convencelos. Ás bandas non necesitan que as convenzas, o que queren é tocar, pasalo ben e desfrutar", conta. Ese era quizais un dos puntos fortes do Labranza, un lugar que enamorou a moitos dos que alí tocaron precisamente por "estar no medio do monte". Ao longo dos últimos anos o Labranza e o millo corvo foron sen dúbida dos mellores e máis efectivos embaixadores da aldea de Meiro e de Bueu.

O bar xa pechou, pero a festa aínda segue viva. Os amigos, clientes habituais e asistentes aos concertos organizaron onte unha festa de despedida, chea de sorpresas para o que durante estes anos foi o seu taberneiro e confidente. Pero igual o Labranza non morre de todo. Porque, como dicía a letra de "Atlantic City" de Springsteen, "todo morre, iso é un feito, pero quizais todo o que morre volte algún día". Neste caso quizais non haia que esperar moito por ese día. "Estou tentando convencer a toda esta xente para montar unha asociación e continuar traballando para organizar concertos, proxección de cine e máis actividades. Parece que os vexo animados", apunta Rafa Portela. El, pola súa parte, aínda que está disposto a colaborar dende a sombra, quere tomarse un longo, longo descanso. "Igual me fago xardineiro", conclúe cun sorrisa.

Compartir el artículo

stats