Dous alumnos do IES Johán Carballeira poden presumir de ser uns ases na defensa do galego mediante o emprego das novas tecnoloxías. Este era un dos obxectivos do concurso "STARgal", que organiza o IES A Cachada de Boiro "para que o galego non sexa lenda". O instituto do Barbanza convocou a centros de toda Galicia a participar a través de Internet nas dúas modalidades deste certame: RañaSTARgal e OlloSTARgal.

Samuel Iglesias e Constantino Fuentes foron os estudantes do Joahán Carballeira que decidiron dar o paso adiante e participar no StarGal, coa axuda e preparación da súa profesora de Galego, Lucía Durán. Decidiron participar na modalidade de RañaSTARgal, que consistía nunha competición de habilidade e coñecementos a través de videoxogos elaborados polo alumnado do IES A Cachada con Scratch. "Eran catro xogos: dous eran como os roscos de 'Pasapalabra', había outro no que o protagonista era un peregrino que debía evitar as gotas de choiva que lle caían en forma de estructuras lingüísticas incorrectas e un cuarto que nos costou entender", explican os gañadores. A proba foi o mesmo día e á mesma hora para todos os centros inscritos, con motivo das Letras Galegas. O tempo para realizala era de unha hora, no que se celebraban dúas rondas e só valía o resultado da que rematase coa mellor puntuación.

Os alumnos do Johán Carballeira foron os gañadores dun concurso que contou coa participación de centos de grupos de toda Galicia. "Foi unha gran satisfacción porque non contabamos con gañar. Pensamos que íamos quedar sobre a metade", confesaban onte. O premio xa está no instituto e trátase dun pequeno robot Mbot, que a bo seguro a partir de agora no Johán Carballeira buscaranlle utilidade e moitos cometidos.

Este proxecto STARgal recibiu un dos cinco premios da Xunta de Galicia por innovación na dinaminización lingüística.