Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1915-1960 (I)

A primeira referencia na prensa dunha velada teatral foi en setembro de 1915 por un cadro de declamación de mozos locais

Actrices, actores e coro da Acción Católica que se deprazaron a Seixo. Na praia de Loira: Jesús, D. Manuel Rodríguez, Modesta Rodríguez, Concha Bernárdez, Pucho del Río (Venturiña), Daniel Díaz, María Cruz, Nieves Cancelas, Josefa Cancelas, Maruja Rodríguez, Maruxa Jalda, José Pena, María Boubeta, Benito Paz, Ricardo Vidal, Asunción, María Viéitez e Josefa Durán. (Cedida por Benito Paz Trelles)

Un día le dice aquel hermano.

Sabrás hermana del corazón

Que tu hermosura me tiene loco

Que tu marido quiero ser yo

Con que otorgues yo te juro,

Que en la vida te he de olvidar.

Y si no otorgas, hermana mía,

Te doy la muerte sin vacilar

La pobre joven quedó asustada

Y le contesta con gran temor:

Antes prefiero morir mil veces

De que tu logres manchar mi honor.

Esta é unha estrofa das moitas cantigas dos cadros, neste caso, dun acontecemento dramático acaecido na provincia de Córdoba e cantado na Feira de Abelendo, conforme nos recordou perfectamente, hai anos, Silveria Pastoriza Gallego de O Piñeiro, nacida en abril de 1909 e que puido ser a xénese de moitas escenas representadas nos entroidos e veladas posteriores.

Temos constancia de que en Moaña chegaron a publicarse máis de cinco periódicos durante o primeiro cuarto do s. XX, dos que desafortunadamente non se conservan exemplares, por iso houbo que recorrer á memoria dos nosos maiores e consultar nas hemerotecas, especialmente a do Faro Vigo, para atopar unha das primeiras referencias dunha velada teatral, celebrada en setembro de 1915, por un cadro de declamación formado por mozas e mozos de Moaña, pero sen especificar o nome da obra, o do seu autor e os dos participantes. De feito, a primeira representación foi para os familiares, pola falta de espazo do que adoecía o patio de recreo do Grupo Escolar de Quintela e na que mozos inexpertos no arte de Talía (divindade grega do teatro) se manifestaran como artistas de verdadeiro mérito. Por tal motivo, os que gozaron do evento animaron á continuidade desas veladas, que tanto recrean e educan. Ante o éxito acadado, decidiuse repetir as actuacións seguindo un sistema previo de invitación, debido a que o aforo do patio do Grupo Escolar de Quintela era reducido. Logo das representacións aos maiores, fixéronse outras para os alumnos das escolas públicas; non obstante hai dúbidas da súa continuidade. Esta actividade hai que encadrala no contexto histórico-político denominado Restauración Borbónica (1874-1931), no que o alcalde de entón, José Parada Costa, resultou ser un innovador de moitas actividades de ocio, como por exemplo as primeiras regatas de traíñas en Moaña.

Tampouco temos recollido outras experiencias teatrais nas décadas seguintes, seguramente debido ás convulsións políticas do final da época da Restauración e á posterior ditadura de Primo de Rivera (1923-1931). Pero iso non quere dicir que non as houbese. Para atopar as seguintes referencias hai que trasladarse ao ano de 1930 (Dictablanda), onde o Liceo Casino de Moaña, entidade submisa ao primorriverismo, organizou unha velada na que participaron os coñecidos enxebres (como di a crónica) Julio Rúa e Nogueira, representantes da Artística de Vigo, sen máis especificación.

No mes xullo de 1933 celebrouse a festa do Catecismo onde se constata unha parella de pallasos como único acto lúdico. Pero un mes despois, vaise constituír o Centro de la Juventud Católica, sendo párroco da freguesía de Moaña, D. Enrique Rubido de la Gándara, pero segundo nos recordou D. Ricardo Vidal de Fames (actual párroco de Dorrón), o impulsor da Acción Católica en Moaña foi o coadxutor e director da catequese D. Ignacio A. Padín. Para Benito Paz Trelles, D. Ignacio resultou ser, nos tres anos da súa estadía na parroquia, o gran fundador da Acción Católica en Moaña, así como tamén o organizador da Festa do Catecismo, coas súas correspondentes veladas ao final dos actos litúrxicos que, ao cabo do tempo, resultaron ser a xénese do actual panorama teatral.

A primeira presidencia da Juventud de Acción Católica recaeu en Francisco Trigo Costa e seu irmán Jesús Trigo Costa acadou a vicepresidencia. A sede quedou fixada na avenida Concepción Arenal (A Praia), na casa do propio Francisco Trigo e inaugurada o día 8 de setembro de 1934.

A Acción Católica de Galicia tivo súa aparición en 1926, pero a súa constitución está datada en Ourense no ano 1929 cara a promover as catequeses e despois derivar a cursiños de cristiandade como aconteceu en 1948. A partir de 1952 xorden na súa organización varios movementos como, Los Círculos, Juventud Obrera Católica ou Hermandad Obrera de Acción Católica, entre outros, nos cales se desenvolverán actividades de servizos bibliográficos, espectáculos e a celebración anual do Día de la Juventud. A introdución deste parágrafo vén ser unha interpolación porque, como veremos máis adiante, en Moaña organizáronse a través desta organización, xornadas de teatro para recadar fondos cara a asistir aos exercicios espirituais en Tui (1954) ou facer a Primera Semana de la Juventud (1964). Ademais hai que considerar que boa parte dos festivais e veladas foron amenizados e dirixidos por moitos dos seminaristas, especialmente nas vacacións de verán, aportando experiencias que traían dos seminarios cando facían actividades de relax en días sinalados como os de santo Tomás ou santa Cecilia e nos cales se cantaban e escenificaban sainetes da editorial salesiana.

Na festa da catequese de xaneiro de 1934, despois do discurso da presentación polo neno Manuel Pena Cobas, deuse paso á zarzuela Los dos poetas, cantada por Jesús Rivas, Cándido Nogueira e José Casás, moi ovacionados pola concorrencia, que ao mesmo tempo quedou entusiasmada ao contemplar o recital O cego da Xestosa (o crime de Catoira), versos cantados polos nenos Antonio Rodríguez e Sebastián Trigo Costa (curmán este dos fundadores da Juventud de Acción Católica). Foi considerada esta obra coma un ensaio cómico, por ser recitado en castrapo, cando na realidade era unha traxedia.

Virgen santa del Carmelo, que disjracia acontecida

Préstame tu luz devina, y dame tu santa jracia.

Pra relatar el crimen, maior que gente cristiana vio

desde que al mundo vino, el higo de tus entrañas.

Lembrar que esta obra resultou moi popular e que foi representada, con certa frecuencia, nas feiras por actores procedentes doutras localidades.

Para conmemorar a festividade de Xoán Bosco en maio de 1934, celebrouse outra velada catequística diante da Casa da Fábrica, na que destacaron do programa o diálogo cómico Existencia de Diós, polos nenos Juan López Ocaña e Manuel Rodado Clemente e a Charada cómica, feita polos nenos Eugenio del Río e Cándido Nogueira. Tamén se representou o xoguete cómico-lírico dun acto El Fantasma de la Esquina, de Ángel Rubio e interpretado por Manuel Rodado, Cándido Nogueira Meijón, Eugenio Del Río Villaverde, José Álvarez Otero, Jesús Rivas Graña, José Casás Alonso, Manuel Núñez Giráldez e Antonio Alonso Paredes; todos eles pertencentes ao catecismo moañés.

En xullo dese mesmo ano de 1934, houbo outra festa catequista na honra do Sagrado Corazón de Jesús, onde os nenos da catequese, interpretaron o sainete El zapatero Dentista, repetindo moitos dos protagonistas da obra citada no anterior parágrafo, incluíndo ademais ao neno Sebastián Trigo Costa. Ao mes seguinte, a Juventud Católica organiza outra velada artística recreativa, no seu local da Praia na que o cadro de declamación dos alumnos salesianos de Vigo porían en escena os xoguetes cómicos e sainetes: Sangre, Seis retratos tres pesetas, El Caramelero, e El Paragüero. Encargábase da organización José Rivas Carrera, novo presidente da Juventud Católica e Eugenio Piñeiro Costa coma secretario.

Pola documentación consultada pódese dicir que o ano 1934, foi dos máis prolíferos en canto ás representacións teatrais. Por unha banda atopámonos coas veladas de carácter relixioso, comentadas anteriormente, e por outra coas representacións promovidas pola asociación sindical Fraternidad Marinera, de ideoloxía cenetista, que intentaba contestar con obras laicas de contido máis social. De feito pódese constatar que en setembro de 1934, o grupo artístico Pablo Iglesias da Casa del Pueblo de Vigo, participou coas súas seccións infantís e maiores no local sindical da Seara, en Moaña, nunha velada artística con orfeóns e obras teatrais.

Compartir el artículo

stats