| Bueu celebrou onte dous concertos de música coral que serviron para conmemorar a recente celebración do Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos. A primeira das citas foi no Centro Social do Mar, baixo a organización da Coral Polifónica Marusía. Sobre o escenario estiveron a Agrupación Coral Xuntanza de Covelo, Coral Santa María del Castillo (Palencia), Coral Dafne de Oviedo, Coral Matices de Valladolid e a propia coral anfitriona.

Pola súa banda, o Museo Massó continúa cos actos vencellados ao Día Internacional dos Museos e onte organizou na súa Sala Nobre un concerto no que estivo o Coro Ángel Émbil, que forma parte da Sociedad Siero Musical. O programa estivo formado por un repertorio con temas da tradición musical asturiana e unha segunda parte adicada á música e ao mar.