A música coral ten un protagonismo especial neste primeiro fin de semana despois do Día das Letras Galegas. Moaña acolleu onte o Festival Coral das Letras e, ao longo da tarde de hoxe haberá un concierto músico-coral neste municipio, así como outro, con agrupacións incluso de fóra de Galicia, en Bueu.

O acto de onte en Moaña encheu a Igrexa do Carme. Participaron os coros Santa Eulalia de Meira, San Pedro de Domaio, San Bartoloméu, Club de Xubilados do Carme, Ondas da Ría e Chorima, da Asociación de Mulleres de Moaña.

Interpretaron distintos temas populares e tradicionais.

Esta tarde, a partires das 19.45 horas, o concerto músico-coral será tamén na igrexa do Carme. Participará o Orfeón de Moaña, o Coro Glissando e a Coral Moañesa. O apartado musical correrá a cargo da Banda Airiños do Morrazo.

En Bueu a música vocal terá o seu momento a partires das 20.00 horas no Centro Social do Mar. Organizado por Marusía co gallo das Letras Galegas, o programa de actuacións comezará coa Agrupación Coral Xuntanza de Covelo. Séguelle a Coral Santa María del Castillo (Palencia) e a Coral Dafne (Oviedo). A Coral Matices, de Valladolid dará paso aos anfitrións, da Coral Polifónica Marusía.

Foliada

A música pola Semana das Letras ten tamén o seu momento adicado á tradición máis pura cunha foliada, esta tarde, no Torrecino de Cela.

Esta foliada comezará ás 20.30 horas e na súa primeira parte estará protagonizada polos músicos do grupo Retrouso.

A partir das 22.00 horas a Foliada das Letras terá carácter aberto e poderán participar todos aqueles músicos que o desexen.