Decenas de persoas acudiron onte á presentación en Moaña do vídeo "Vivindo en galego" no que unhas 30 persoas de diferentes eidos profesionais -a maioría veciños do Morrazo- animan ao emprego do idioma propio de Galicia e explican a súa relación co galego e por que o empregan na súa vida cotiá e laboral.

Caras coñecidas como o futbolista Iago Aspas, o actor Celso Parada ou o artista Nelson Quinteiro comparten vídeo con mariñeiros, profesores, artesáns, músicos ou escritores. Destaca a presencia de cidadáns de Madrid, Murcia, Italia ou Polonia que se desenvolven en galego con total naturalidade. "Para min poder relacionarme en galego é un privilexio", explica unha profesora madrileña afincada en Pontevedra. "Nacín falando en galego e traballo en galego porque en cada palabra do noso idioma se esconde parte da nosa infancia", relataba Celso Parada nun dos relatos máis fermosos do vídeo.

A peza, pendurada xa en Youtube, foi obra da coordinadora dos equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos centros educativos do Morrazo. Por parte destes profesionais falou Xurxo Boubeta, do CEIP Espiñeira de Aldán.

Na mesa, explicando a importancia de transmitir o idioma propio ás novas xeracións do Morrazo, participaron varios dos persoeiros que protagonizaron tamén o vídeo. Entre eles a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; o artista plástico Camilo Camaño; ou o poeta Daniel Costas.

A actividade se enmarcou na intensa programación polo mes das letras. Esta tarde, ás 19.45 horas, hai un festival de corais na igrexa do Carme cos coros de Meira, Domaio, O Carme e o Grupo Lembranzas.

No centro cultural de Tirán, ás 20.00 horas, terá lugar a presentación dramatizada do libro "Como unha áncora", de Iria Collazo. Inclúe unha proxección fotográfica cos lugares da parroquia mencionados nesta obra.