A Cultura de Cangas, en maiúsculas, viviu onte un dos seus días sinalados. Co gallo das Letras Galegas regresou ao Auditorio a Festa da Cultura coa entrega dos galardóns Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño, que este ano recaeron no gaiteiro Anxo Gago, "Lito", no compositor e director Alberto González Avilés e en Antonio Graña, un veciño volcado e concienciado na defensa e promoción do patrimonio. Unha data e un evento para a reivindicación e para "recuperar a autoestima, o orgullo de ser nós", afirmou durante o seu discurso o concelleiro de Cultura de Cangas, Héitor Mera, quen aludiu tamén á figura do poeta Manuel María.

Mónica Camaño foi a encargada de conducir esta festa das letras que comezou pasadas as oito da tarde e abriuse coa proxección dun video, realizado pola Concellería de Turismo. Un traballo que resume a morea de actividaes culturais e lúdicas no municipio, con imaxes das Festas do Cristo, da programación do Auditorio, da Romaría de Darbo, da Festa do Muíño de Coiro ou da Danza de Aldán, entre outras. Foi o concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera, o primeiro en subir ao escenario para realizar o discurso oficial, da importancia deste acto para poñer en valor a cultura de Cangas e lembrar tamén a figura de Manuel María, a quien se adica este ano o Día das Letras Galegas. A actuación do grupo de baile urbano Boombox e da compañía Circio deixaron testemuña da mistura entre modernidade e tradición que perseguen os organizadores.

Arredor das oito e media da tarde entregouse o primeiro premio, o Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio, que este ano foi para Antonio Graña Graña, "Tonino", que o recibiu de mans da concelleira Dolores Gallego. Logo actuaron a Escola Municipal das Artes Escénicas de Cangas (Emaec), previa á entrega do premio Xohán de Cangas á creación artística e literaria, que recolleu Alberto González Avilés, profesor no conservatorio de Cangas e director do Proxecto Orquestral. A continuación proxectouse un video de Manuel María en Cangas, corresponsdente a unha visita á Casa da Cultura de Rodeira e na que reivindicaba o valor da palabra escrita frente a manida idea de que unha imaxe vale máis que mil verbas. A condutora da gala, Mónica Camaño, recitou poemas do autor ao que este ano está adicado o Día das Letras Galegas, que deron paso á actuación do Coro do Conservatorio e a Escola de Música. O último premio en entregarse foi o Xohán de Cangas ao labor cultural, que foi para Anxo Gago, "Lito", aínda que o encargado de recollelo de mans do alcalde, Xosé Manuel Pazos, foi o seu fillo José Ángel. O Coro do Conservatorio de Música de Cangas pechou a gala coa interpretación do Himno de Galicia.

O rexedor foi o encargado de pechar as intervencións da Festa da Cultura cun discurso que centrou en tres eixos, comezando pola posta en valor da "intensa actividade cultural do municipio", que, dixo, "é o que lle dá sentido á festa de hoxe". Non se trata dunha celebración artificial, senón que se sustenta nunha riqueza que sitúa a Cangas á altura de cidades con moito maior peso demográfico. Tamén destacou a figura de Manuel María como "activista cultural de Galicia", máis alá do seu papel como poeta, narrador. ou ensaista. "Tocou todos os paus da cultura para afianzar a idea de país", suliñou o rexedor, que tamén agradeceu o traballo dos galardoados. De Tonino Graña incidiu no seu papel de artesán do patrimonio, traballando para recuperar elementos e persoeiros da historia viva de Cangas coma a Capela do Hospital, a praza de Síngulis ou a figura de José Félix Soage Villarino, entre outros. "Un pesado" cando se trata de reivindicar, bromeou. De Alberto González Avilés destacou a súa traxectoria como creador, intérprete e director, o último deles ao frente do Proxecto Orquestral.A Lito Gago presentouno como artífice da conversión da gaita como instrumento popular na parroquia do Hío, donde "os rapaces xa nacen cunha gaita debaixo do brazo".