Os museos tamén teñen o seu día. Unha xornada especial orientada a dar a coñecer a través de actividades alternativas o patrimonio e tesouros artísticos que salvagardan para o coñecemento e desfrute de todos. Dende 1997 celébrase cada 18 de maio o Día Internacional dos Museos, unha data impulsada dende o Consello Internacional de Museos e que cada ano gaña en relevancia.

Un dos templos artísticos da comarca é a Casa-Museo A Mangallona, do artista cangués Camilo Camaño Xestido. A fundación que leva o seu nome adiantou un chisco as celebracións para facelas coincidir co Día das Letras Galegas. Un ano máis organizouse unha xornada de portas abertas para que todos os veciños e visitantes que o desexaran puidesen desfrutar das once salas das que consta A Mangallona. Para iso houbo visitas guiadas pola mañá e pola tarde, pero tamén outras actividades complementarias. Así, os actos abríronse cun pasarrúas coa música tradicional da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu, a quen pola tarde lle colleu o relevo o Grupo de Gaitas Carballido; proxeccións audiovisuais e intervencións ao redor do conxunto museístico da Mangallona e do papel da arte no desenvolvemento social. Ao longo de toda a xornada deuse lectura a poemas de Manuel María, o poeta a quen este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas.