Día das Letras Galegas · Os actos en Moaña

Música tradicional e fotografías para honrar ao poeta Manuel María

Un festival folclórico e a exposición de imaxes de Nós entre os actos -Preséntase un caderno e un documental sobre o poeta

17.05.2016 | 02:34

O Día das Letras Galegas chega hoxe a Moaña no medio dun carrusel de actividades que comezaron cun recital poético-musical da Asociación de Mulleres o pasado 11 de maio. Para a xornada festiva de hoxe están previstos varios actos. O primeiro deles será a exposición de fotografías antigas organizada pola Agrupación Cultural Nós. Comezará ás 17.00 horas fronte ao club náutico de Moaña, ao aire libre, e consta de 22 paneis de grande formato con fotografías do século pasado dunha das zonas de Moaña das que existe máis documentación, como son os barrios de O Real e O Con.

Dende Nós sinalan que se trata dunha mostra das mellores imaxes sobre estes barrios publicadas nos catro tomos de "Moaña, historia fotográfica". Aínda que na exposición se inclúen tamén algunhas fotos inéditas dos arredores do Pazo de Méndez Núñez, que agora se atopa en estado ruinoso. Esta mostra estará visible todos os días ata o vindeiro 22 de maio.

Ás 18.30 horas a atención desprázase cara o palco da música da alameda, co Festival Folclórico das Letras Galegas. Participan os equipos de baile tradicional das asociacións culturais Charaviscas (Domaio), Breogán e Solaina. A parte musical a levará a cabo a Banda de Música Airiños do Morrazo.

A fotografía e a danza tradicional darán paso á presentación, no salón de plenos, do caderno sobre Manuel María e a súa vinculación con Moaña así como dun documental sobre a figura do autor. A Agrupación Nós editou 3.000 exemplares deste caderno que repartirá entre o público que esté presente na presentación de hoxe e nas que celebrarán nos vindeiros días nos locais culturais de todos os barrios e parroquias. Tamén se distribúen exemplares entre os cursos maiores dos colexios de Primaria e nos institutos da vila.

A presentación do caderno comezará ás 20.30 horas e está previsto que interveñan Xesús Cancelas Franco, o presidente de Nós, e Manuel Anxo Méndez, o autor do caderno. Contén unha presentación sobre o poeta Manuel María e unha explicación sobre os recitais de poesía que protagonizou en Moaña e Cangas durante a súa vida. A súa vinculación coa comarca queda reflexada no paseo adicado a súa figura ao carón do río Pontillón en Moaña.

Neste caderno os veciños atoparán unha escolma dos seus poemas, así coma dos seus textos teatrais e da súa obra en prosa. Tamén se resume a discografía sobre poemas de Manuel María musicados por autores e grupos como Fuxan os Ventos, María Manoela, Suso Vaamonde ou Milladoiro. As ilustracións do caderno son fotografías cedidas pola Casa-Museo de Manuel María.

A peza audiovisual que se proxectará fará unha breve semblanza do significado do Día das Letras Galegas e relatará detalles inéditos da biografía do homenaxeado este ano.

Onte a programación polo mes das letras contou coa proxección no salón de plenos do documental "En todas as mans" sobre a figura dos montes veciñais. A actividade estivo organizada polas comunidades de Montes de Domaio, Meira e Moaña.

Entre as actividades que congregaron a máis público a fin de semana se atopa o festival organizado pola asociación Charaviscas. Música e danza tradicional se viron acompañadas de mostras dos obradoiros que organiza este colectivo. Este evento de Domaio contou coa actuación do mestre gaiteiro Xavier Blanco.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine