Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camilo Camaño Gestido: "A revisión catastral supuxo un duro golpe para o Museo A Mangallona"

A casa, que acolle miles de obras, conmemora hoxe o Día dos Museos

Camilo Camaño, en la presentación de su última exposición. // S.A.

A Casa Museo A Mangallona, na parroquia canguesa de Coiro, ten sempre abertas as súas portas para a cultura, para as visitas e para falar de arte. Non podía ser menos no Día Internacional do Museos que se conmemora mañá no mundo pero que xa hoxe pode facerse na Casa de Camilo Camaño que celebra unha xornada de portas abertas, a partires das 10.30 horas. As 11.00 haberá pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Manxadoira, as 11.30 hai unha proxeción de audiovisuais e intervencións sobre o conxunto museístico e as 12.00 chega a primeira das visitas da xornada polas once salas do museo. O programa inclúe ás 17.00, actuación do grupo de gaitas Carballido, novas intervencións sobre "A arte no desenvolvemento social e as 17.45 a segunda das visitas guiadas. Durante a xornada haberá lecturas de poemas de Manuel María polo Día das Letras Galegas.

-Como se vive rodeado de tantas obras de arte?

-Realmente non é doado vivir entre miles de obras de arte, aínda que é unha maneira absolutamente diferente de ver á vida. Dende a arte podes comunicarte de forma diferente, pois ela danos a posibilidade de ver o mundo dende a ampla visión da comunicación visual e das mil linguas, cecáis por iso, os artistas teñamos a responsabilidade, por medio das nosas creación, de contribuír co desenvolvemento social, coa transformación da sociedade, sobre todo nun momento de tanta confusión, que nos aboca á unha deshumanización. Un creador, cando acada ese espazo, convértese nunha especie de deidade e, se é consciente, ha por a arte ao dispor da sociedade, procurando que non se quede nun pracer estéril e, contribúa ao seu melloramento.

-O Museo é unha fundación. Garantiza esto a súa continuidade?

-Debera, sempre e cando o conxunto da sociedade entendese ese espazo e esforzo, como algo útil e, de maneira especial as institucións. Craro está, sen esa consideración, é realmente complexo manter todo este mundo, un mundo creado á miña medida, un ricaz mundo idílico e ateigado de mensaxes orientadas á un entendemento e, á procura dunha sociedade mais xusta e igualitaria, menos inquisidora. Sei que é unha utopía, pero sigo crendo niso, nesa transformación social por medio da cultura en xeral e , da arte en particular. As Institucións deberán procurar da continuidade, contribuíndo co seu mantemento.

-Que axudas reciben?

-De momento, as axudas son as que eu poida aportar, agás en momentos puntuais, como a contribución realizada na última publicación ou nalgún acto en concreto. Seguramente deberamos acadar acordos conveniados, toda vez que se trata dunha propiedade privada pero de carácter público. Concello ou concellos da bisbarra, deputación, goberno autonómico e incluso goberno central, por medio das súas respectivas áreas de cultura, deberán ser sensibles e estar á altura..

-É lóxico que sendo unha institución aberta ao público pague contribución?

-Esa é unha das cuestións lesivas, pois a revisión catastral supuxo un duro golpe, tratando ao conxunto arquitectónico e museístico de A Mangallona, como se se tratase do Pazo Real, ou un ben de luxo e de ostentación, cando pola contra, toda a superficie está ao dispor da humanidade. Cada acto realizado é público e aberto. Todo, absolutamente todo, continente e contidos, que supoñen a entrega de toda unha vida, están ao dispor da sociedade: colexios, institutos, universidades, grupos interesados nas artes e o público en xeral, así como sede de diversos colectivos sociais e culturais. Todo, absolutamente todo de xeito gratuíto, pois todo está pensado para llo ofrecer ao mundo, sen regatear esforzo. Iso debera ser considerado e, contributivamente ser considerado como un ben social

-Podese coñecer canto é o recibo que lle pasa Facenda?

-De momento non o sei, para tranquilidade temporal, pois cando fun recibir información, os propios informantes, quedaron abraiados dos valores catastrais aplicados. Tamén sorprendidos cando os convidei a entrar virtualmente no conxunto da Mangallona e se decataren da realidade dos espazos, pois cada milímetro é visitable, cada obra e cada peza está ao dispor do público e, como dicía de carácter gratuíto. Sei que é unha auténtica barbaridade, cando ademais, está cedido mediante convenio renovable cada dez anos á Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido "A Mangallona"AC., entidade de carácter non lucrativo

-Hai catastrazo na cultura?

-Iso é indiscutible, hai catastrazo na cultura. Seguramente a política desenvolvida nestas últimas lexislaturas, que afectou de xeito maiúsculo ao benestar social e, especialmente á cultura, ensino e sanidade. Evidentemente a cultura é algo que aporta pouco voto e, como consecuencia é a irmá pobre da sociedade. Politicamente interesa que o cidadán sexa manipulable e, para iso, canto menos culto, mais doado de manipular. Iso leva irremediablemente ao catastrazo cultural.

-Xa está xubilado como funcionario de Cangas?

-Si, vai case que medio ano, pero iso non me desvincula das miñas responsabilidades. De feito, estou a contribuír humildemente, na medida das posibilidades, no desenrolo cultural e artístico do municipio, tamén a outros niveis, tanto autonómicos, como do estado e incluso a nivel internacional. Sigo desenvolvendo proxectos ambiciosos e complexos, como a aceptación da presidencia de honra do Salón Internacional de Arte, que nesta edición vai ter lugar en Brujas (Bélxica) e París (Francia). Tamén no terreo da creación, labor cotiá que non dou tregua, sempre en favor da humanidade.

-Onde ten posta a mirada camilo Camaño de cara os vindeiros anos?

-Iso é algo complexo, pois sempre debemos ver cara a un horizonte infindo. No meu caso, tentarei estar á altura da filosofía marcada: contribuír coa mellora dos valores éticos por medio da ARTE. Tratar de lograr dar sentido ao sacrificio de medio século de loita, co obxectivo dunha transformación social real. Aínda consciente da utopía, non deixarei de crer en acadar tal resultado. Acaso iso poida contribuír asemade á evicción de todo o que atinxe á magna e tan lamentable corrupción, que tanto denigra aos menos favorecidos, á tan groso afán de poder e, á impunidade que protexe aos segmentos políticos.

Compartir el artículo

stats