A vixésima edición da Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo ergueu onte o pano no salón de actos do instituto Johán Carballeira de Bueu. A compañía encargada de inaugurar esta edición tan especial foi a do propio centro organizador, Comediantes Anónimos, que presentou unha obra dividida en "sketches" titulada "Cadros de amor e humor, ao fresco", na que a través de pequenas historias presentaba con humor relacións de parella, infidelidades e incluso as súas posibles consecuencias na política internacional.

Foi a apertura dunha mostra que continuará hoxe e ata o venres con cinco novas representacións para ao alumnado dos centros participantes. Hoxe haberá dúas funcións, coa presenza do Obradoiro de Teatro do IES María Soliño, que a partir das 10.00 horas presenta "Suspéndese a función", baixo a dirección de Xoán Carlos Riobó e cun texto de Fernando Lalana. A continuación, ás 12.00 horas, será a quenda do instituto As Barxas de Moaña. A súa compañía, O Teatro que Ri, presenta "Illas", baixo a dirección de Vanesa Martínez Sotelo. O xoves será o momento de Teatro A Réplika do IES Rodeira e do grupo de teatro do Eduardo Pondal. O peche será o venres coa compañía invitada, que este ano é o grupo teatral da Asociación de Xubilados e Pensionistas Santiago de Cangas.

Esta mostra cumpre vinte anos e dende hai tres ten o seu propio símbolo, que os institutos organizadores se van pasando os uns aos outros tal como se fose o facho ou antorcha olímpica. Neste caso trátase dunha coroa fabricada no seu día polos alumnos do ciclo de soldadura e caldeirería do Johán Carballeira. A directora do instituto buenense, Asun Sóñora, foi a encargada de recibila esta semana das mans dos representantes do IES María Soliño, anteriores organizadores.