Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

Teatro e espectáculos en Cangas (I)

En 1916 constitúese un Cadro de Declamación dirixido polo mestre Álvaro Fernández no seno do Centro Recreativo y Cultural

O "Centro Recreativo y Cultural" de Cangas constituiuse en 1916.

Un mes despois de constituirse no Centro Recreativo y Cultural Cadro de Declamación fundado e dirixido polo mestre de escola Álvaro Fernández Rey e durante as festas do Entroido xa presentarían nos salóns da sociedade a comedia en dous actos "El Catedrático de Anatomía" de A. J. Onieva. Esta había ser a estrea deste colectivo de afeccionados formado por Eugenio Pérez, Avelino Priego, Antonio Solla, Francisco Graña, Avelino Boullosa, Manuel Chapela, Manuel Hermo e Constante Abeijón. A representación veríase completada co monólogo "De Broma" de Fernán Caballero e a actuación dun quinteto musical. En abril e con motivo da festa dos Dolores ofrecerían no mesmo local, a revista "Seis retratos tres pesetas" de Onieva e J. Clavero, completada co xoguete cómico "El Alma en pena" de Fernando Rosales e a interpretación de sinfonías por un quinteto musical cuxa formación descoñecemos. Xa con motivo das Festas do Cristo, o mesmo Cadro de Declamación de Cangas ofrecería as obras "Los tres jibosos de Egipto", "La Lugareña" e "Gente Bravía".

A constitución das Hirmandades da Fala (sic) neste ano daríalle ao teatro galego un pulo importante na súa galeguización. Con tal motivo e tamén durante as festas grandes de Cangas, El Recreo Marítimo, presidido por Eugenio Eiroa, celebraría ao ar libre unha festa galega para inaugurar a Hirmandade dos Amigos da Fala encadrada na devandita sociedade. Ademáis da actuación das gaitas galegas, destacaría a presentación por primeira vez en galego da obra "O miñato e mais a pomba" e o monólogo "Os catro túneles", ambas do autor vigués Avelino Rodríguez Elías, e do recitado dunha serie de poesías, tamén en galego, feitas por autores locais e de fóra de Cangas. Entre os poemas enviados destacaría un de Porteiro Garea que nesta altura era o presidente das Hirmandades. Outros actos teatrais (recitados, música e variedades) terían lugar con motivo de veladas benéficas como a que se celebraría tamén nestas datas do Cristo, nun local do Señal que ben podía ser o de Cabanelas. As señoritas da Beneficencia local, dirixidas por Ramón Ocaña, encargaríanse das actuacións, moi premiadas tamén cos aplausos do público.

Bueu, Moaña e Marín tamén contarían arredor deste 1916 con cadanseu Cadro de Declamación, dependendo o de Bueu do Círculo Mercantil ao que se sumaba ademáis o Bueu C- F. (1927) e o Casino local cunhas máis serias representacións de números de "zarzuela" con afamados tenores. Dramas, xoguetes cómicos, diálogos filosóficos, recitados ou intervencións músicais eran os repertorios máis frecuentes nestas actuacións que ademáis dos salóns das sociedades matrices adoitaban actuar en locais como o mencionado Café-Teatro de Cabanelas en Cangas, o Teatro de Marín ou o Teatro-Cine de Bueu.

Desde comezos dos anos vinte, as representacións teatrais pasarían a celebrarse no local do novo Cine Moderno, propiedade do empresario local Saturnino Blanco, mentres que algúns espectáculos itinerantes de variedades terían certa continuidade no Café Cosmopolita e no Danubio Azul. Durante a ditadura de Primo de Rivera estes espectáculos, chamados frívolos, serían máis escasos polo férreo control da censura, prodigándose máis as as comedias e as zarzuelas. Resulta chamativo que fose precisamente neste periodo cando o teatro galego vivise o seu mellor momento, tendo presenza nas vilas e cidades promovido desde asociacións, agrupacións dramáticas afeccionadas e masas corais (De Ruada, Toxos e Froles...), incentivadas polas Irmandades da Fala. O repertorio adoitaba deseñarse a partir de textos curtos que recreaban unha Galicia rural e chea de tópicos, destacando autores como Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, Xavier Prado "Lameiro", Avelino Rodríguez Elías, Ricardo Frade, ou, en menor medida, de Manuel Lugrís Freire e Leandro Carré.

O 4 de xuño de 1920, poucos meses despois de inaugurarse o Cine Moderno, o Grupo A Terriña de Santiago que facía xiras polas vilas cercanas, presentaba en Cangas a obra "O Fidalgo" de Jesús San Luis Romero. Habería que agardar ao 23 de xaneiro de 1926 para que a Agrupación Dramática Galega de Vigo ofrecese as obras "Un vello paroleiro" de Heliodoro F. Gastañaduy, "O Menciñeiro" dos autores Eugenio Charlón e Manuel Sanchez e Pra vivir ben de casados de Leandro Carré Alvarellos, representadas no cine da rua Real que desde finais de 1923, xa baixo a ditadura de Primo de Rivera, pasara a denominarse Cine Príncipe Alfonso. Esta mesma agrupación teatral retornaría a Cangas o 6 de marzo do mesmo ano 1926, esta vez coas obras "Marzadas" do autor Xavier Prado "Lameiro" e a repetición de "O Menciñeiro", de Charlón e Sánchez Hermida. Un baleiro de dous anos separaría estas representacións das que terían lugar o 27 de outubro de 1928 no mesma e única sala de Cangas. Esta vez foi o grupo Xestas e Froles de Vigo quen poría en escena "A Venganza" de Carré Alvarellos, Axúdate de E. Charlón e Sánchez Hermida e "O Menciñeiro", dos mesmos autores. O 6 de xaneiro de 1929 a mesma agrupación viguesa, dado o éxito colleitado, ofrecería novamente a obra "Axúdate". A última vez que se representase unha obra no Principe Alfonso durante a ditadura, sería o 7 de abril de 1929, outra vez da man da Agrupación Artística de Vigo que representaría "Un vecho pequeno" do autor marinense Urbano Rodríguez Moledo ao que lle adicamos unha semblanza no artigo sobre o teatro en Marín.

Como un espectáculo, cualificado de extraordinario, anotamos a presenza na vila a finais deste ano do denominado French Circus, que ao que se ve era francés pero xa o nomeaban en inglés. Tamén extraordinaria foi a función de entrega de premios de fin de curso que organizou no Teatro Príncipe Alfonso o mestre José Monge da escola primaria número 2 de Cangas. Para amenizar o acto, celebrado a mediados de xullo de 1930, houbo discursos e cartas de persoeiros locais, mesturados con recitados de poemas polos alumnos.

Decaemento do galego

Se ben é certo que o advenimento da República posibilitaría novamente e con liberdade as actuacións e representacións públicas, reactivándose de novo o sector cultural, tamén é constatable o decaemento paulatino das representacións en galego que, curiosamente, durante a Ditadura, viviran unha época de certo esplendor. Un tempo antes desta xeira republicana e no Entroido do 1931, visitaría Cangas a Agrupación Artística da Cultural de Cambados cuxos membros, vestidos de pierrots, percorrerían as diferentes sociedades e as rúas cantando e tocando pasodobres.

Logo, no local do Cine Principal (antes Príncipe Alfonso), darían un concerto e representarían duas obras cómicas curtas, tituladas "Matías el Timador" e "Xan Frangullas" que completaron con cantos e solos de guitarra.

Compartir el artículo

stats