Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Henrique Harguindey: "Este relato espallou por Europa a historia do rei de Galiza e Bretaña"

Presentou en Cangas a tradución deste "bestseller" da Idade Media

O autor presentou onte o libro en Cangas na libraría Wells, na Praza do Arco. // G.Núñez

"A obra relata a historia de Ponto, fillo do rei de Galiza, tras a toma da Coruña polos musulmáns e a morte do rei Tiber. Un grupo de rapaces galegos son salvados e embarcados nun navío que naufraga nas costas de Bretaña; alá son acollidos polo rei e criados por nobres bretóns. Sidonia, a filla do rei, e Ponto namóranse, mais diversas desventuras poñen en perigo a súa felicidade. Finalmente, Ponto reconquistará o seu país e casará con Sidonia..."

-Realidade ou ficción?

-É unha obra de ficción que remite a sucesos históricos. Trátase dun relato en prosa que bebe na literatura cabaleiresca (na loubanza do cabaleiro como garantía de xustiza para a sociedade fronte aos abusos) e na materia de Bretaña, que foi escrito entre finais do século XIV e principios do XV por un autor descoñecido. Non é orixinal, porque xa se coñece un moi parecido do século XII, pero unha mesma historia pode lerse de moitas maneiras, con distintos enfoques e perspectivas.

-Estaba destinada ao divertimento das elites?

-Hai que ter en conta que nesa época a transmisión era sobre todo oral, e só as elites accedían aos manuscritos traballosamente realizados. Dun xeito directo ou indirecto, mediante exemplos de conducta ou consellos expresos, constitúa un instrumento para a educación dos mozos da nobreza.

-Como se explica o protagonismo de Galiza nesta historia?

-Resulta sorprendente. Galiza era coñecida no mundo medieval grazas a Compostela e ao apóstolo Santiago, pero chama a atención que a un autor francés desa época se lle ocorra escoller para protagonista o fillo do rei de Galiza, ao que caracteriza dotado de toda perfección, modelo a imitar e "espello de príncipes", que se dicía. Este relato espallou por Europa a fermosa historia de rei de Galiza e de Bretaña.

-É un libro complexo, para eruditos, ou para todos os públicos?

-É unha historia amena, que exalta os valores da amizade, da fidelidade, da paz, da concordia e da defensa dos febles fronte ás inxustizas, cunha trama ben fiada e que está escrita dunha maneira elegante e fermosa.

Compartir el artículo

stats