Anxo Gallego e David Villar, dous axentes de Cangas con vocación de achegar os seus coñecementos á poboación máis moza e que empregaron moitas horas en ultimar o programa, serán os encargados de impartir as clases de educación vial a 810 alumnos e alumnas de primeiro, segundo e terceiro cursos de primaria dos seis centros públicos e catro concertados do municipio. Unha idea que xurdiu e púxose en práctica hai máis de unha década, que se esqueceu logo e que agora decide recuperar o goberno tripartito co respaldo decidido do corpo policial.

"O obxectivo xeral e a idea concreta é crear hábitos e comportamentos viarios correctos, adquirir valores e modificar a conduta dos nenos cun proxecto continuo levado a cabo desde idades moi temperás", explica Alberto Agulla, inspector xefe da Policía, que presentou a iniciativa onte pola tarde en compañía do alcalde, Xosé Manuel Pazos, e do concelleiro de Ensino, Xoán Chillón. "Empezamos pola educación infantil e primaria para que todos estes nenos que agora tentamos formar desenvolvan condutas viarias seguras e de respecto polos demais", engadiron.

A cada centro participante adicarase unha charla dividida en cinco apartados e apoiada con vídeos ilustrativos acordes coas idades dos destinatarios. O primeiro paso será un achegamento aos sinais de tráfico e a interpretar as ordes da Policía Local, a súa importancia e finalidade. Logo falarase dos peóns, das actitudes e comportamentos que se deben adoptar ao circular polas rúas ou as precaucións á hora de cruzar os pasos de cebra. O papel como viaxeiro, como comportarse nos traslados en vehículos privados ou públicos, o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil acaparan o terceiro paso do programa previsto, e o cuarto versará sobre o ciclista, as claves para desprazarse en bicicleta minorando os perigos. O último paso da xornada tratará sobre o servizo de emerxencias 112, como funciona, a súa finalidade e como hai que utilizalo. "Todo con vídeos amenos e ilustrativos", sinalan os seus promotores.

A secundaria, a continuación

A idea ten como impulsor a Xoán Chillón, o concelleiro de Ensino que tamén lle está a dar pulo ao programa de autoprotección escolar que desenvolve Protección Civil, con formación teórica e práctica nos colexios. "Imos aplicala neste tramo do curso, antes da recta final", explica, e engade que ao inicio do próximo celebrarase un "final de festa" co desprazamento a Cangas do parque vial da Dirección General de Tráfico (DGT), que non pode vir antes porque ten multitude de demandas doutros concellos. Tamén se pensa estender a iniciativa, "moi gratificante", ao alumnado de secundaria, cun programa acorde con esas idades e tamén co respaldo da Policía Local, á que agradece o esforzo.

O alcalde, Xosé Manuel Pazos, insistiu nese agradecemento aos axentes municipais e recoñeceu o "gran labor de Chillón ao frente da concellería de Ensino", que supón "unha das apostas, dos eixos fundamentais deste goberno" e polo que pasa, dixo, "o presente e o futuro desta vila".