Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mestre Enrique Vidal de Bustamante (I)

Natural de Monterrei, tivo escola no Casal, adscrita ao Pósito Marítimo de Moaña e presidiu a Asociación de Mestres de Pontevedra

Vidal (esquerda), con alumnos no Liceo Politécnico en 1920. // Arquivo do autor

A medida que fomos avanzando no coñecemento do que foi a represión franquista e grazas ás investigacións e publicación de numerosos datos sobre a mesma, pudemos comprobar a existencia dunha relación entre Moaña e Verín, através de dous personaxes oriundos de cadansua destas localidades pero ambos detidos e xulgados en Vigo. Un deles foi o avogado galeguista Roberto González Pastoriza que en 1947, despois dunha anterior detención, foi xulgado por un tribunal militar e ainda que foi sobreseído da acusación principal, condenaríano ao desterro en Verín onde permanecería apenas un ano. Verín xa acollera desde o 13 de setembro do 1936, o desterro vixilado de Valentín Paz Andrade, mentor e compañeiro de partido de González Pastoriza, que nunha noite de novembro sufriu un intento de asasinato: "Unha noite moura nun Verín azul... Da cor das armas eran as camisas, salferidas co sangue das cunetas..." -escribiría Paz Andrade anos despois. Apesar de ter pasado máis de dez anos disto, González Pastoriza seguiría o mesmo camiño que este pois en Verín, xa como "paisanos victoriosos", ainda campaban na vila os da famosa e triste centuria dos "Caballeros de la Muerte".

Pero non é a nosa intención centrarnos na figura de González Pastoriza ao que o seu pobo natal, Moaña, lle teñen dado o seu recoñecemento público e a sua figura glosada mesmo nestas páxinas do Faro de Vigo. Nestes dias, conmemorativos do 80 aniversario da II República, queremos desde aquí deixar patente o noso recoñecemento ao mestre Enrique Vidal de Bustamente, protagonista en Moaña desta data, facendo unha breve semblanza da sua vida, a día de hoxe ignorada polos seus propios conterráneos.

Ainda non conseguimos averiguar o lugar exacto de orixe deste noso personaxe que naceu cara a 1900 e que diversas referencias sociolaborais fanno natural de Monterrei sen máis pero que no seu expedente de depuración consta como natural de Ourense. Como sexa, o noso interese por este mestre xa vén de hai anos, através das pescudas que deron pé a un traballo sobre os docentes e o ensino de antano na vila do Támega. Por estas, soubemos que no ano 1919 xa exercía en Verín como fundador e profesor da recén inaugurada academia privada de ensino secundario chamada "Liceo Politécnico" e tres anos máis tarde (1922) xa exercería de director da continuadora neste labor, "Academia Verinense", tamén de nova creación. Esta función directiva vaina compaxinar asemade coa dirección de El Eco de Monterrey, un dos xornais locais de corte liberal-conservador. Nos meses de verán e para reforzar o plantel da academia, adoitaba achegarse a Verín o seu irmán José Vidal, coñecido xornalista deportivo que asinaba como "Olímpico" no periódico republicano "El Pueblo Gallego" de Vigo o que vén xustificar a sua empatía co Partido Republicano Radical de Lerroux.

No ano 1925, Vidal de Bustamante aprobaría as oposicións é obtería destino en Castrelo do Val, concello perto de Verín, onde vai permanecer ata 1928. Neste periodo casaría cunha moza verinense chamada Concha (a filla da "Alpargatera") e pasaría logo a rexentar a escola de nenos de Albarellos de Monterrei tamén na contorna verinense. En marzo de 1929 accedería por concurso á escola nº 2 de Bueu da que é nomeado mestre propietario por R. O. de novembro do 1930, ainda que logo sería derivado, nesta mesma data, á escola do Casal adscrita ao Pósito Marítimo de Moaña. El e máis a sua muller fixarían a sua residencia nunha casa de aluguer perto da escola en Berducedo.

En 1931 sería elixido presidente da Asociación de Mestres de Pontevedra e coa sua colaboración, a clase política republicana da vila vai gañar en dinamismo ao intervir en mítines e accións de proselitismo societario, acompañando por veces a Emiliano Iglesias, representante provincial do lerrouxismo. Vidal de Bustamante tamén sería nestas datas, un afervoado defensor da inclusión da lingua galega no ensino.

Desde meses antes das eleicións municipais, viña pairando xa sobre Moaña a confrontación por motivos laborais entre armadores, patróns e mariñeiros dos vapores producíndose boicots e atentados contra os aparellos que viñeron enrarecer o conflito. No medio xa dun clima electoral, o mestre José Corbacho (xunto con José Romero) viña sendo acosado por elementos conservadores organizados que promovían liortas, incluso usando armas, para amedoñar aos veciños. Este mestre xa fora multado polas suas denuncias sobre irregularidades no caciqueado Concello e acusado de provocar disturbios. Vidal de Bustamente, como presidente dos mestres pontevedreses, axiña habería sair na sua defensa para demostrar a sua inocencia ante as acusacións de axitador pero ainda así non o libraron de ser levado detido a Pontevedra.

Desde o comezo do periodo eleitoral, Vidal de Bustamante, como militante do Partido Republicano Radical de Moaña, interviría en varios mítines co seu lider Emiliano Iglesias, destacando os que tiveron lugar en Bueu e sobretodo o de Cangas no sábado día 11, víspera das eleicións. Aquí, ante un gran xentío convocado na Casa do Pobo, compartiría mitin cos seus compañeiros mestres, Corbacho, Felipe Carnicer, Víctor Sánchez e Bernardino Graña.

Xa en Moaña, ao coñecerse o luns 13 de abril, o trunfo das forzas republicanas nas eleicións, tería lugar unha manifestación que na altura do cuartel da Garda Civil foi conminada a disolverse, dirixíndose a tal fin os gardas ao mestre Corbacho. No medio do balbordo que se produciu soarían uns tiros que ía dirixidos ao mestre pero que irían a impactar na veciña Cándida Lago Veiga, causándolle a morte e converténdoa, así, na primeira mártir inocente da chegada da democracia a Moaña.

Dous días despois, o mércores día15, xa oficializado o trunfo das forzas republicanas na eleccións, Vidal de Bustamante, acompañado do socialista Cunqueiro e en presenza dos concelleiros republicanos elixidos, proclamaría a República desde o balcón da Casa do Concello, ante unha numerosa veciñanza alí congregada.

*Xerardo Dasairas./investigador

Compartir el artículo

stats