O escenario do Auditorio de Cangas converteuse onte no máis semellante á sabana africana. Pero unha sabana chea de animais... e música. Moita música. Os responsables foron os máis de medio cento de persoas que dan vida ao musical "O rei da sabana", que vén a ser a adaptación ao galego da aclamada obra "O Rei León".

A montaxe foi idea da Asociación Cultural Musical Coda, de Vilagarcía, que tivo a idea de que nesta ocasión Simba ruxa en galego. A iniciativa foi acollida con un gran éxito posto que xa levan tres anos sobre os escenarios e a de onte a tarde foi a súa segunda visita ao Auditorio cangués. Entre os actores que se encargaron de dar vida a esta fermosa historia había dous veciños do Morrazo con papeis protagonistas: o moañés Dani Comesaña, que é o encargado de dar vida a Simba, e o cangués Lolo Portela, que interpreta ao simpático facóquero Pumba. Todo rodeado dun atrezzo cheo de cor e cun gran impacto visual.

Gran entrada

Como non podía ser menos o Auditorio rexistrou unha gran entrada, con gran presenza de público infantil, que desfrutaron ao grande desta adaptación desta historia clásica.