Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1900-1960 (III)

Na II República convivían os grupos de teatro-declamación con outros xurdidos nas Sociedades obreiras

Manuel Omil e Fita Mariño-1947. // Arquivo do autor

No 1930 houbo polo menos catro funcións benéficas no salón Victoria en favor do Ropeiro escolar. Todas as actuacións foron postas en escenas polo alumnado das escolas nacionais da vila coordinados principalmente polo mestres Novío, González García, Durán e González San Pablo. Nas primeiras veladas actuaron María Álvarez cantando uns cuplés, seguida do coro composto por Rosa Chapela (de chula castiza) e as nenas Rosa López, Concepción Pereira, Emilia Ferradás, Avelina Portela, Angélica Rodríguez, Carmen Lombardero, Josefa Loira, Amancia Domínguez e Asunción Portela. Logo púxose en escena un xoguete cómico escrito expresamente para esta función que foi interpretado polas nenas Consuelo Ferradás (6 anos), Aurora Vidal (7 anos) e Filomena Domínguez (8 anos). Pechouse o programa con outro coro formado por: Carmen Pastoriza, Sinda Prieto, Mª Luisa del Valle, María Pérez, Consuelo Ferradás, Erundina Estévez, Filomena Domínguez e Carmen Otero.

No mes de maio dese mesmo ano volve a ensaiar o Cadro de declamación do Bueu F.C. logo "dunhas longas vacacións" e comezan a anunciarse para unha función a celebrar o domingo oito de xuño.

Entre 1930-1936, sobre todo no período da II República, no concello de Bueu convivían os grupos de teatro-declamación "de sempre" con outros xurdidos da man de Sociedades obreiras ou aglutinadas por algún destacado líder sindical, onde o "drama social" era uns dos xéneros ou subxéneros máis requeridos. Ao longo deste tempo nas veladas de Beluso temos dous elementos diferenciadores do visto ata agora. O primeiro xira ao redor da Sociedade Agraria "El Progreso" no local de Manuel Casaleiro coñecido coma 'Salón Guerra' e logo na 'Casa do Pobo' e o segundo, máis ideoloxizado, da man de José de la Torre López, militante activo do Partido Comunista e presidente da 'Sociedade de canteiros e oficios varios de Bueu' no seu taller de carpinteiro de ribeira na Praia de Beluso.

Os ensaios e representacións servían como elementos de atracción e de cohesión non só entre os membros/actores senón entre todos os compoñentes da entidade ou grupo político que daba acubillo. No mesmo local pasaba películas de 9,5 mm. cun proxector de cine "doméstico" Pathé Baby, case todas de propaganda, facilitadas polo Partido Comunista.

Constatar que no 1932 houbo unha grande función benéfica coma Homenaxe á Dona Matilde Bares na que a Compañía de teatro "Agrupación Madrid' actuou desinteresadamente e puxo en cartel, entre outras, dúas obras de teatro: o drama "Amor de madre", de Ventura de la Vega e o xoguete cómico "Los apuros de Armandino", dos irmáns Álvarez Quintero. Onde os personaxes principais estaban interpretados por Julia Cisneros e Mariano Menéndez. Cos cartos recadados pensaron mercar unha placa para unha rúa co seu nome.

Ao longo do 1933-35 vese certa actividade na parroquia de Beluso de man da Sociedade "Xuventude Católica", que por esas datas dirixía Francisco Lago Carballal, aos que o gobernador civil autoriza veladas no seu local social (aínda que non lles permitía celebrar a festa na honra do seu patrón).

Do 1936 ao 1939 apenas houbo actividade teatral en Bueu pois, se no teatro profesional nótase a crise da contenda nacional, no afeccionado os permisos gubernativos e os medos aniñan un tempo esta actividade. De feito neste período a única velada teatral da que temos constancia é a do domingo 2 de febreiro do 1936 cando no Salón Paraíso a Agrupación Socialista de Marín puxo en escena dous monólogos, "Libertad" e "Alma rusa", e o drama "Justicia".

A finais do 1939 un fito como é a inauguración do cine Imperial localizado no edificio 'Fazáns' (actual sede de Abanca en Bueu) axuda a que, de novo, xentes da localidade volvan a tomar a batuta e que sexa o teatro o que serva de punto de encontro entre o espectador, que se achega a el coma evasión, e as clases podentes que o fan tamén como fonte de cultura e diversión. Neste cine temos, nos primeiros meses de 1940, actuacións nos que interveñen actores xa coñecidos coma Salvador Lago Carballal e outros novos coma Amador Lorenzo, Américo Otero...

No 1943-1944 había unha agrupación de mozas do lugar de Pitis que representaban, nun local da zona, pequenas pezas teatrais dirixidas por Rosa de Claudina e Amelia de Cristina. Algunhas da compoñentes deste grupo eran Aurora González, Benita Santos 'Chita', Adelina de Piris, Norma e Olga de Peinado, Maruja e Carmen 'de Pica', Mery Fazzina,...

Ambos grupos uníronse e ensaiaban na praia de Beluso dirixidos por Salvador Lago Carballal, que era axudado nesta tarefa por José Mª Estévez Castro. O curioso desta xuntanza de grupos é que nunca chegaron a representar as obras preparadas pois cando o ían facer o director tivo que partir cara a Arxentina para facerse cargo dun herdanza que o retivo naquelas terras bastantes meses. Cando volveu Salvador Lago Carballal seguiu organizando outras obras de teatro e declamación e ata óperas no salón de Guerra de Beluso.

En case todas as épocas a confección do vestiario utilizado nas veladas teatrais seguen pautas semellantes, como é a intervención directa das mulleres do grupo que se encargaban de adaptar ou elaborar o mesmo coa excepción de que se algún dos traxes era "algo especial" o facía unha costureira ou xastre amigos dos actores.

Nesas mesmas datas de 1943 inaugúrase outro local como é o Cine Avenida, cun escenario e unha platea con posibilidade de grandes eventos e representacións que será o referente no Concello de Bueu a partires de agora. Aínda que de cando en vez había actividade teatral noutros locais como é o caso dos celebrados no baixo da carnicería de David na Banda do Río organizadas pola entusiasta Florentina Lorenzo.

Así temos aos mesmos actores anteriores presentando, no salón Avenida, un xoguete cómico en dous actos, obra de Pedro Muñoz Seca e Pedro Pérez Fernández, titulada "Un drama de Calderón" moi do gusto das xentes e menos do director, Salvador Lago Carballal, que gustaba máis das pezas dramáticas do propio Calderón de la Barca, pola sensibilidade para a posta en escena dos personaxes e, sobre todo pola música coa mestura temática do barroco: amor, honor e relixión.

Para reforzar a parte musical participaba o grupo CHERSOMC, acrónimo dos nomes dalgúns dos seus compoñentes: Chiño Portela, Enrique Ríos, Rosendo Corral, Sergio Rodríguez, Manuel Omil, Manolo 'da Crega', José Cerviño, José Nores, Manuel Vizoso, Jaime Portela Bravo, José Lorenzo "Chita" (panadeiro que sempre facía papeis de cómico ou de muller), Amador Lorenzo, Mario Escribano, José Chapela, Constante Quintela, etc. Pola parte feminina: Rosa e Fita Mariño, 'as do Globo', 'as do Son', Teresa Portela, Marujita Estévez, Lelucha de la Torre (coma soprano), Rosa Miranda, Soledad Novas, etc. Todos formaban parte do elenco de actores, dos músicos ou do coro.

No 1946 aparece na revista quincenal 'Cartel' un pequeno artigo coa noticia da desaparición da agrupación 'Martín Codax' de Vigo co título "Adiós al teatro de aficionados". Nel comeza lembrando que "Houbo un tempo en que Galicia, todas as súas cidades, eran fervedoiros de afeccionados ao canto e ao teatro" e que non había rexión en España con tantas Asociacións dedicadas a iso ata que "foi lentamente resentíndose, e morrendo na indiferenza, no esquecemento,.. [...] Só quédanos a evocación, o recordo e a pena...e o consolo mínimo de reproducir hoxe tres fotos...". As fotos, cunha calidade de impresión mala, son do estreo en Bueu, anos antes, de "El ávaro" e "A fiestra valdeira", de Dieste.

Ata finais dos anos 1950 a actividade teatral mantívose con altibaixos para logo ir dando paso a un decenio onde os grupos locais organizadores destes eventos pasaba por:

*Agrupación coral "Agarimos" que completaban as veladas coa intervención do coro, da rolda e Cadro de Declamación

*Funcións teatrais da 'Acción Católica' organizadas baixo a dirección do capelán da igrexa de San Xosé (logo cóengo en Santiago e delegado episcopal de Peregrinacións), D. Jaime García Rodríguez. Representáronse polo menos tres obras, da serie Teatro Moral, como o xoguete cómico dun acto e prosa arranxado do francés por Nonato Ovejuna Inia titulado "Hambre atrasada" na que actuaban os rapaces Eugenio Otero Freire, Agustín Gutiérrez Estévez, Savador Gelpí, Orencio Riobó,...

*Sección Feminina de Falanxe, que máis que organizar participaba co grupo de danza nos entremedias dos cadros escénicos, poesías, etc. da 'Agrupación San Xosé' que dirixía D. José Pena Collazo.

Compartir el artículo

stats