Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aprezo pola arte románica de Moaña

O tímpano do século XIII da igrexa matriz moañesa se atopa no Museo de Pontevedra

Igrexa medieval moañesa de San Martiño.

O senlleiro escritor, D. Xosé Luís Méndez Ferrín, escribiu un artigo en Faro de Vigo baixo o título "O tímpano de D. Moisés", na data do 1 de febreiro do presente ano; nel, despois de abraiarse polo escaso amor que as autoridades viguesas "teñen sempre pola súa historia", laméntase de que o antigo tímpano da concatedral de Santa María, logo de andar por mans descoñecidas, asentouse no Museo de Pontevedra. Subliña deseguido que: Os tesouros da arte medieval de Vigo (Castrelos, Coruxo, Bembrive ...) viven nunha especie de nimbo clandestino e nas escolas da cidade non se educa aos nenos no seu aprezo.

Resulta moi curioso comprobar como en Moaña danse casos parecidos aos sinalados por quen foi director da Real Academia Galega; deste xeito, no mesmo Museo de Pontevedra onde está depositado o tímpano vigués, do século XIV ou XV, atópase outro, do XIII, procedente da igrexa matriz moañesa. Esculpido polas dúas caras, a exterior representa a San Martiño elevado ao ceo por dous rudos anxos e a interior, unha profusa decoración de flores, cruz mixta de lazos e aves.

Como denuncia Ferrín que sucede en Vigo, ata o de agora tampouco en Moaña educábanse aos nenos no aprezo dos dous tesouros medievais conservados no Concello, as igrexas románicas de San Martiño e San Xoán de Tirán; non obstante parece que, paseniño a paseniño, as cousas están a cambiar pois, na data do pasado 6 de abril, alumnos do instituto moañés "As Barxas", visitaron ambos os dous templos na compaña de profesores, concelleiros de Educación e Cultura máis o coordinador cultural do Concello; segundo explicaba unha profesora, algúns dos rapaces nin sequera coñecían ditas igrexas. O encargado de mostrar as súas características arquitectónicas foi o profesor xubilado de Meira e actual xuíz de paz, D. Jacinto García Piñeiro.

No remate do artigo de Ferrín, faise mención a D. Moisés Alonso Valverde, durante moitos anos reitor da actual concatedral de Santa María quen: estivo na teima de instalar na súa igrexa unha copia digna do orixinal perdido. Xa a ten: as miñas noraboas. E tamén á Escola de Canteiros de Poio.

Efectivamente, é sempre un motivo de ledicia darlle os parabéns a un párroco como D. Moisés, por preocuparse da escultura medieval e conseguir das autoridades provinciais que volvera a Vigo unha réplica exacta do tímpano da súa igrexa, esculpida na Escola de Canteiros dependente da Deputación Provincial de Pontevedra.

Aínda que en Moaña a preocupación eclesiástica pola arte medieval é bastante escasa, somos moitos os moañeses, entre os que se atopan os citados mestres e concelleiros, que desexamos veña de volta dende Pontevedra, ao lugar do que nunca debeu saír, o tímpano do século XIII da igrexa de San Martiño pois, segundo argumentaron os mestres, débese conservar no lugar para o que foi esculpido.

Compartir el artículo

stats