As sextas Xornadas de Xeografía e Historia Agostiño Entenza, que este ano versaron sobre "Cangas no mundo", remataron onte no instituto de Rodeira cunha charla coloquio co artista Camilo Camaño Xestido arredor da figura de Ángel Botello, "o Gauguin do Caribe". Na véspera celebrouse unha conferencia coloquio, "fermosa e emotiva", en palabras dos organizadores, de María Antonieta Herrero, "Neneta", sobre a escola solidaria "María Soliña" que dirixe en Orissa, na India. O título "De Occidente a Oriente, de Cangas á India" ven a resumir a intención destas xornadas de achegar ao público personaxes, proxectos e iniciativas que implican dalgún xeito a Cangas e tiveron ou teñen proxección internacional. A realidade dos mariñeiros ou da emigración tamén tiveron un oco esta semana no IES Rodeira.