A Asociación Queremos Galego Marín organizará o vindeiro 20 de abril unha Homenaxe a Manuel María, escritor ao que se lle adica este ano 2016 o Día das Letras Galegas, coa actuación musical de "Mini e Mero". Ao mesmo tempo, o colectivo volve a convocar a segunda edición do Concurso de Vídeo con Móbil pola Lingua.

"Este ano imos darlle continuidade a unha actividade que tivo unha grande resposta coa elaboración de trece vídeos, nos que participaron un bo número de rapaces e rapazas dos centros escolares da nosa vila. Chegamos a ter repercusión internacional cun vídeo enviado por un grupo de rapazas emigradas en Oxford. Nesta segunda edición pretendemos chegar a mais xente e que o número de participantes sexa maior", espuxeron os organizadores da actividade.

"Con esta iniciativa pretendemos ligar as novas tecnoloxías que están nas nosas mans todos os días, e case en todo momento, co uso do galego, xa que hoxe calquera de nós pode ser fotógrafo ou rodar un vídeo", engaden.

A participación está aberta a todas as persoas interesadas e os vídeos presentados deberán realizarse con teléfono móbil, tendo unha duración non superior aos tres minutos. Os vídeos deberán sensibilizar sobre a importancia do uso do idioma galego, denunciar as agresións á lingua, visualizar as súas posibilidades, etc.

As persoas participantes deberán presentar as súas gravacións antes do 26 de xuño en calquera formato de vídeo no enderezo electrónico queremosgalegomarin@gmail.com, indicando o nome, e teléfono de contacto da persoa ou persoas que realizan o vídeo.

Premios

Como novidade este ano o xurado estará integrado por persoas do mundo teatral e audiovisual galego, xunto cun membro da directiva desta asociación. Haberá tres premios: o primeiro de 100 euros, o segundo de 75 e un terceiro de 50 euros, mais un lote de libros para cada un.

A entrega dos premios efectuarase durante o acto de celebración dos Premios Lingua que cada ano organiza a Asociación Queremos Galego Marín. A primeiros de maio organizarán un acto sobre as Irmandades da Fala, coa intervención do historiador Uxío Breogán.

O Día das Letras Galegas deste 2016 está adicado á figura do poeta de Outeiro de Rei Manuel María e, con tal motivo, a Asociación Queremos Galego Marín quere sumarse ás distintas homenaxes que terán lugar nestes meses por todo o país, facéndolle o seu particular tributo o 20 de abril cun concerto de "Mini e Mero". Neste concerto que terá lugar a partir das 20.00 horas na biblioteca de Marín, o dúo formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), percorrerán a obra de Manuel María poñéndolle música a moitas das súas poesías.