O ciclo de teatro afeccionado Citeamor levantou onte o pano no Auditorio de Cangas coa estrea de "Es-ketches", unha montaxe da compañía Moito Morro Teatro. Foi a primeira das dez funcións teatrais que seguirán durante as vindeiras semanas e na que compañías teatrais de todas as idades presentarán as súas máis recentes producións.

A inauguración desta mostra teatral estivo precedida polo pregón inaugural, que este ano correspondeulle ao director da Revista Galega de Teatro (RGT), Antón Lamapereira. A publicación acaba de ser recoñecida na última edición dos Premios María Casares e onte Lamapereira instou a "mimar" a árbore do teatro, especialmente frondosa na comarca do Morrazo. "O teatro profesional aquí e agora, nesta península do Morrazo, xurde do humus da terra sementada hai moitos anos", sinalou o director da RGT. Como mostra puxo o exemplo da presenza nesta edición do Citeamor dun grupo de teatro formado por xubilados, outro formado por adultos da ANPA do IES Rodeira e finalmente a mocidade dos grupos de teatro escolar.

Durante o seu discurso se dirixiuse aos actores e actrices para que tamén eles mimen a esa árbore do teatro e pediulles que tamén eles sexan público. "Raigame fundamental para que medre o teatro. Sintamos curiosidade do traballo dos demais. Non sexamos narcisos quedando atrapados na nosa propia actuación", dixo.

O seu foi tamén un pregón para mover a reflexión, para por un momento esqucer as presas e as "pseudo urxencias" para botar un vistazo ao noso redor e "degustar" en lugar de "engulir". Un exemplo é o propio Auditorio, unha infraestrutura que xa parece que leva toda a vida en Cangas, mais non é así. "Hai asuntos que cómpre lembrar de vez en cando para tomar conciencia do seu significado", suliñou Lamapereira. Lembrou que o Auditorio foi "unha conquista de e para o pobo de Cangas" e recordou que non foi unha conquista sinxela. "Lembremos aquel día que para reivindicalo estivemos 24 horas ininterrompidas ocupando a rúa con música, danza e teatro", apuntou no seu discurso. Unha boa maneira de lembarlo será acudir as funcións deste ciclo Citeamor, que se prolongará durante os martes dos meses de abril e maio.