Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1900-1960 (II)

A inauguración do cine "Victoria" en 1920 abre un dos períodos máis frutíferos da actividade teatral na vila

A mestra e promotora do teatro en Bueu Matilde Bares (no centro) e a murga Los Aragoneses. // Arquivo do autor

O evento da inauguración do cine "Victoria" incidiría na competencia, ao igual que en moitas outras localidades, entre o cinematógrafo e o teatro no seu conxunto. Pero tamén a aparición dun local onde se dan as condicións de aforo e servizo escénico máis axeitado que posibilitou, no caso de Bueu, que nos atopemos cun dos períodos máis frutíferos e documentados da actividade teatral deste concello tanto de grupos afeccionados, pouco máis dun 75%, coma de compañías profesionais, case que un 25%.

Se exceptuamos as representacións escolares, infantís e xuvenís da escola de Matilde Bares que facían pequenas representacións teatrais mesturadas con declamación de poesías, a procedencia social dos adultos compoñentes ou actores das veladas musico-teatrais son persoas de relevancia cultural/social da comunidade bueuense pertencentes maioritariamente a familias de status medio e alto: comerciantes, escribentes, salgadoiros, armadores, obreiros cualificados, etc. se ben no caso das mozas había algunha de procedencia máis humilde. As mesmas comparsa/murgas do entroido son tamén xermola de actores para as representacións teatrais, musicais, etc. No caso de Bueu destaca a utilización tamén deste recurso á "presidenta" de murgas como foi Dona Matilde Bares.

É un tempo onde moitas das veladas teatrais seguen a xirar arredor da mestra Matilde Bares e como exemplo temos a representación (1920) na súa casa-escola da obra "El padrón municipal", na que interviñeron Eugenia Domínguez, Eugenio Paz, Luís Novas, Sofía Gómez, José Mª Estévez,... Ou outras das que temos constancia directa como son as da primavera do 1926 onde o día de San Xosé (19 de marzo) no cine Victoria os alumnos de Matilde Bares representan "La muñeca" de Saiz, o monólogo de Pi y Azuaga: "El juez" e "Las Travesuras de Lola" de M. Monje. Gran actuación de Sofía Gómez, coas irmás López, Josefa e Rosa Mariño, as nenas Concha Reboiras Otero, Carmen Otero e Lolita Pais.

A finais do mes seguinte a mesma Matilde Bares encargouse de ensaiar para unha xornada lírico-dramática organizada polo señor José Madrigal coa finalidade benéfica de adquirir unha imaxe para a parroquia. Neste acto aos mesmos actores mencionados engadíronselles Amparo e Lola Miranda, Esperanza Novas, Carmen Otero, Avelina Piñeiro, Carmen Santos, Mª Teresa González e, coma actores, Jarino. Como pianistas o fixeron: Esther López, Salvador Lago e as irmás Eugenia e Amalia Bolíbar.

Ao longo do decenio de 1920 moitas foron as compañías profesionais que pasaron polo Salón Victoria de Bueu: Rovert Martí, de Francisco Bautista, de Dopena, Víctor G. Navarro, etc. . Eran compañías de varietés, zarzuela, cómicas, dramáticas, etc. algunhas da cales permanecían no pobo máis dunha semana cun repertorio diverso como a compañía cómico-dramática de Francisco Bautista que o fixeron actuando con obras dos Irmáns Quintero, "Secretico de confesión", "Solico en el mundo", "Los fugitivos", "Agua milagrosa" desde o xoves 28 de decembro 1922 ata o domingo 7 de xaneiro en que o mesmo director rematou a actuación lendo unha poesía, "Bueu hermoso", que o bueuense Quintín Taboada escribira en Bós Aires en 1913 co título "A mi pueblo". Constatar tamén que a Compañía Dopena, cun elenco de dezaoito actores estiveron case todo o mes de xullo (do 3 ao 29) de 1923 na que entre outras obras puxeron en escena unha zarzuela de Jesús Ardenius.

Pouco a pouco durante este decenio van tomando a testemuña das múltiples veladas teatrais representadas en Bueu outros veciños como Anselmo Martínez (en Beluso), Luís Novas, José Mª Estévez, etc. Pero ao que destacamos pola relevancia e proxección no mundo do teatro é Luís Buceta Mera.

Luís Buceta Mera, avogado, redactor de La Nación, e nos anos que estivo en Bueu publicou en Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. A Bueu cantouno repetidas veces o máis coñecido foi o poema "Así es Bueu" onde describe a xeografía e a alma deste pobo no ano 1927. Foi nomeado oficialmente Secretario Municipal do concello de Bueu en xullo de 1925, cargo que ocuparía durante seis anos ata que o 20 de xuño de 1931 presenta, a proposta dos médicos madrileños que o atenden, a solicitude de renuncia ao cargo de Secretario para "lograr a curación do meu esgotamento físico e mental, en forma absoluta y definitiva, é requisito indispensábel que me absteña de efectuar traballos tan prolongados e intensivos como os que require o exacto cumprimento dos deberes anexos ao cargo de Secretario Municipal".

Co tempo seguiu traballando na administración do estado en Madrid onde chegou a ser nomeado como Secretario Xeral do Rexistro da Propiedade Industrial (BOE 24-12-1941).

A súa bibliografía como autor teatral: "Especialista en divorcios'": xoguete cómico nun acto e en prosa, 1905 (coautor con Santiago Vanrell). "En cabeza ajena'": pasatempo en un acto y en prosa, 1911. "Los intelectuales": sainete nun acto, 1914. "El salero": entremés en prosa, 1915. "Cuarenta años después'": entremés en prosa, 1916. "Lección de celos": pasatempo en un acto y en prosa, 1916. Estreada en Madrid anos antes da súa representación en Bueu.

A estas pezas habería que engadirlle algunha máis que non chegaron ata nós ou que simplemente non foron impresas.

José Mª Estévez fai unha breve relación das obras ensaiadas baixo a dirección de Luís Buceta Mera: "Lección de celos" (de Buceta), "La virgen de la Roca", "Amor a oscuras", "Las campanadas", "Cuarenta años después" (de Buceta), "El gaitero", zarzuela, "La ocasión la pintan calva", "Na casa do ciruxán" e algunha máis.

En canto á música interpretada constátase que esta variou coas modas pero case sempre ao arredor das mesmas persoas: Manuel Omil, Paratcha, Corrales, etc... e ao piano Esther López, Salvador Lago e as irmás Eugenia e Amalia Bolíbar. Coma cantantes, tenores,... Lolita Pais, Josefina Vidal, Margarita Lis, Luís Novas, Salvador Santos (Buriño) e un longo etcétera de actores e compoñentes dos coros nestes anos: Carmen Barreiro, as irmáns López, Carmen Estévez, Concha Reboiras, Carmen Cortizo, Peregrina González, Josefa Caíño, Lolita Viudez, Rosa Cerviño, Carmen Cerviño, e en homes: José María Estévez, José López, Francisco Piñeiro (Fariña), Ricardo Gómez Buceta, José Bernárdez Santaclara (Pasarín), Jacinto González, Quico (zapateiro), Emilio Ferradás, Eligio Barreiro, Francisco Gestido, José Mariño, Manuel Mundín e Julio Otero.

Destacar coma decorador a Ernesto Bao Curuxeira pintor de renome en Vigo, casado coa matrona bueuense Consuelo Garrido Vilas, o que, por máis dunha década, encargarase de pintar moitos dos decorados utilizados nas obras representadas e ata de actuar coma músico. Ao longo destes anos os prezos oscilaban: se era no cine Victoria de 1 a 1,50 pesetas da Butaca aos 0,50 e 1 pesetas de Xeneral. Mentres que se era noutro local a 0,50 pesetas a máis barata e 1 peseta a máis cara.

Outro elemento aglutinador de grupos de Teatro-Declamación de Bueu son as entidades deportivas como a Cultural Plus Ultra de Beluso e Bueu F.C. ou recreativas e sociais como o Liceo-casino, Mercantil e Recreo Gimnasio de Artesanos de Bueu que amparan e nutren a estes cós directivos, socios, amigos,...

Exemplo disto o temos na velada teatral no cine Victoria, en outubro do 1927, a beneficio do campo de deportes do Bueu F.C. e nas que o Cadro de Declamación da entidade puxo en escena cinco obras na que destacaríamos dous diálogos en lingua galega titulados "Gregorio" e, sobre todo, "Match internacional" do vilagarcián Manuel Rey Posse na que "reflectía o acontecido nun partido de football entre un equipo inglés e outro de Vilagarcía" e hai quen a considera "un precedente do máis recente 'Oé, oé' de Vidal Bolaño que tamén ten a este deporte como eixo da trama".

Esta obra tamén foi interpretada, 24 de maio de 1928, nunha velada celebrada en Beluso en favor da Sociedade Deportiva Beluso. O programa ofrecido nese día contaría na 1ª parte cunha Sinfonía interpretada pola orquestra, o monólogo enxebre "Match Internacional", a zarzuela nun acto "La estatua de Pablo Anchoa" e un Fado cantado pola señoritas do cadro de declamación. A 2º parte incluiría o duelo cómico e ronda de namorado da zarzuela "La del Soto del Parral", uns cuplés interpretados por Rosa Mariño, os coros da zarzuela "Sol de Sevilla" e a intervención dun Coro Galego.

Compartir el artículo

stats