A programación de charlas e obradoiros comeza ás 12.30 horas. O primeiro será sobre a elaboración de hamburguesas vexetais, impartido por Aurora calviño Costas, representante de A Hortiña da Ponte, un proxecto de agricultura ecolóxica da Terra de Montes. A iso das 14.00 horas haberá unha actuación d'Os Ghalos do Curral.

A partir das 17.00 horas está prevista unha charla demostrativa sobre o oficio tradicional de cereiro cunha demostración de elaboración de velas con cera de abella, coa presenza de Damián e Diego Copena. Esta actividade compleméntase con outra ponencia sobre a apicultura en Galicia e unha degustación de meles galegas, coa colaboración da Asociación Galega de Apicultura.

Ás 18.00 horas terá lugar unha presentación e degustación de de produtos da cooperativa Monte Cabalar, que agrupa a máis de 1.000 propietarios e 3.600 parcelas na Estrada. A continuación, a iso das 19.00 horas, haberá un obradoiro demostrativo de elaboración de queixo é unha charla titulada "Leite cru, un xeito tradicional de elaboración, un novo camiño". Todo acompañado dunha degustación de queixos da cooperativa Campo Capela, da Coruña. Para rematar, ás 20.00 horas, está prevista unha cata de cervexa artesanal, con Cervexas Faxilda.