Destácanse "iniciativas tales como a creación dunha gardería da empresa, a xestión de becas de estudos para os seus fillos e fillas, o traballo constante individual coas traballadoras para resolución de problemas... e unha longa relación de actividades a maiores doutros méritos que acompañan a esta muller, como o feito de ter sido pioneira no seu traballo ou ter xa recibido varios recoñecementos polo mesmo, faltando o do pobo no que realizou a maior parte do seu labor". Así se recolle no texto da proposta que fai o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, no Pleno de mañá para distinguir como filla adoptiva da vila a quen se coñece como "a señorita de Massó" e está considerada como a primeira asistenta social que houbo en Galicia.

Segundo destaca o rexedor, Ana María Soto Landeira naceu en Vigo en 1921. Estudou Maxisterio en Santiago e empezou dando clases particulares a alumnado que non podía pagar e tamén clases nocturnas a mariñeiros que non sabían ler nin escribir. Desde moi nova. sempre tivo especial querenza polo traballo social, e por iso nos anos 50 marchou a Madrid á Escola de Formación Social. Ao rematar a carreira, e a través de Amalia Bolívar, esposa de Gaspar Massó, entrou a traballar na fábrica de Massó de Cangas o 1 de febreiro de 1955. Naquela industria, que chegou a ter máis de mil empregadas, traballou arreo para mellorar a súa situación laboral e vital, visitando casas das traballadoras para coñecer a súa situación familiar e social, procurando sempre axudas e melloras na mesma.

Con ese espíritu propuxo, e conseguiu, crear unha gardería con pediatra para que os fillos e fillas das empregadas estivesen ben atendidos baixo control hixiénico e sanitario, nunha época na que a salubridade das vivendas era mínima. As mulleres tiñan tamén media hora diaria para a lactación. Ademais, no recinto da fábrica construiuse un comedor, un economato, escolas de padroado e vivendas para traballadores e traballadoras, o que fixo da firma Massó un modelo no tocante á asistencia social.

Ana María tamén xestionou becas para rapazas e rapaces con capacidade e gañas de progresar a través do ensino, polo que moita xente de Cangas e Bueu puido realizar os seus estudos nas Universidades Laborais da época con becas das mutualidades, nomeadamente neste caso da Mutualidade de Alimentación. Foi cofundadora da Escola de Ensino Social de Galicia, e polo seu inxente labor leva recibido recoñecementos como á mellor asistenta social de Galicia en 1963, do Concello de Bueu na Gala da Igualdade 2010, da Asociación A Cepa nas Xornadas da Muller 2010, ou a homenaxe das traballadoras e traballadores sociais de Vigo e Pontevedra en 2014.

Na actualidade, con 95 anos, Ana María Soto Landeira segue activa e colaborando con asociacións de axuda a persoas necesitadas como Aldeas Infantiles, Fogar e Clínica San Rafael ou María Auxiliadora. "Auténtica pioneira no traballo social, a súa aportación durante décadas foi imprescindible para mellorar as condicións laborais e de vida de milleiros de traballadores e traballadoras de Massó en Cangas e Bueu e tamén das súas familias", que agora lle recoñece o pobo.