Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Martín Villanueva Pastoriza: "Tocaba aprobar o PXOM, a nova Lei do Solo causa unha incerteza que a xente non entendería"

O edil avanza que nos vindeiros días a resposta ás alegación estará na web do Concello

Martín Villanueva no seu despacho, cun plano da ordenación urbana de Bueu da década de 1920. // Gonzalo Núñez

O pleno de Bueu aprobaba provisionalmente o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) hai unha semana. Un trámite que debería significar un impuslo case definitivo para un planeamento longamente agardado. O concelleiro de Urbanismo de Bueu, Martín Villanueva, analiza a situación que se abre agora.

-Dicía no pleno que este non era un paso definitivo, que era un máis. Pero o certo é que o fin do camiño parece moito máis preto.

- Así é. Estamos as portas de contar cun novo planeamento para Bueu, espero que de forma definitiva á volta de dous ou tres meses. Logo da aprobación provisional remítese o documento dilixenciado, xunto coas alegacións aprobadas en pleno e copia de todo o expediente administrativo, á Secretaría Xeral de Urbanismo para que sexan eles quenes lle den o último visto bo e o aproben definitivamente. Seguramente sexa inevitable ter que facer algunhas correccións, sucede en todos os plans, pero espero que sexan as menos posibles e que saibamos dar a resposta axeitada.

- Que suporá para os veciños o novo plan, en que van notar a súa aprobación?

-Pois que teremos un Plan, non unhas normas subsidiarias. Os plans están para executarse e diso iso temos que concienciarnos todos os actores, nese cambio de perspectiva. Teremos máis capacidade e operatividade para resolver problemas, adquirir dotacións ou desenvolver o concello. Temos que dar un salto de calidade e apostar pola xestión urbanística. Superar os desaxustes que provocaban as normas, sobre todo na aplicación no día a día de determinados conceptos. Seguramente na tramitación das licencias será onde o noten máis, pois se resolven un montón de problemas que as normas non resolvían pola súa antigüidade.

-Cales son as necesidades máis importantes que resolve este PXOM?

-Gústame destacar sobre todo dous conceptos: a conservación decidida polo noso patrimonio construído e a nova vida que van a ter os núcleos rurais. Os núcleos teñen un tratamento especial, a solución ao problema do fóra de ordenación coas aliñacións plantexadas vai supoñer un renacemento dos nosos núcleos e asegurar a súa pervivencia. Todo o parque de vivenda existente poderase rehabilitar e ampliar sen ningún tipo de cortapisa, algo que era imposible coas normas. Tamén destacaría as conexións exteriores do casco urbán, como a prolongación de Johán Carballeira a estrada de Cangas; seguir dotándonos de novas infraestruturas e mellorar os estándares de calidade de vida de todos os veciños.

-Un dos aspectos máis criticados é a non contestación das alegaciones antes da aprobación provisional. ¿No deberían respostarse antes do pleno?

-Poden coñecelas xa. Nos próximos días a intención e publicalas na web do Concello para que sexan accesibles por todo o mundo. Non se pode dar traslado ou contestación a algo que non está aprobado por ningún órgano do Concello. Neste caso seguimos fielmente o que a lei marca nas tramitacións dos plans. De tódolos xeitos o resultado das súas alegacións debe ser tratado coas debidas cautelas: ata a aprobación definitiva a contestación pode variar aínda, dependendo dos cambios aos que a Xunta obrigue neste último trámite. Podería cambiar delimitacións nos núcleos ou no solo urbano, por exemplo. Entón será coa publicación da aprobación definitiva cando comezarían os prazos legais para presentar algún tipo de recurso.

- O relativo consenso político da aprobación inicial desapareceu. Que cre que pasou nestes tres anos para o voto en contra do PSOE e o "plante" do PP?

-Non son conscientes da altura e da importancia do momento de tramitación no que nos atopamos. Non podes vir ao pleno de aprobación provisional e dicir que non che gusta o plan, que porías isto ou aqueloutro, cando na exposición pública non presentas ningún tipo de alegación ao plan, nin a nivel particular nin no nome do teu partido e votas a favor na aprobación inicial. Antes da aprobación inicial en 2013 fixéronse reunións para explicar o contido, o modelo de plan, pero tamén o corsé que o POL ou as DOT (Directrices de Ordenación do Territorio) supoñían. Creo que foi o cambio de determinadas persoas neses grupos as que cambiou a dinámica. Actuaron con total falta de coherencia cos seus propios compañeiros e coa cidadanía, ademais dunha falta de respecto ao traballo feito por todos ate este momento. Nese sentido Julio Villanueva actuou con coherencia e sentido de responsabilidade.

-O que está claro é que o PXOM chega nun momento no que a Xunta aproba a enésima Lei do Solo. Chegaron a plantexarse acollerse ao novo marco legal?

-Nin un segundo! A oposición fai unha lectura errada. A lei parece que simplifica os trámites nas novas tramitacións, pero hai que pasalos igualmente. Os informes sectoriais en vez de pedilos o concello os pide a Xunta, pero teñen que estar, e hai que cumprimentar as súas determinacións igualmente. O noso plan xa pasou por ese viacrucis e polo tanto toca aprobalo. Acollerse a nova Lei implicaría perder dúas xustificacións da subvención que temos concedida, adaptar o documento por pouco que sexa, modificar o contrato co equipo redactor para pagar uns traballos que non están contratados... Todo iso supón entrar nunha incertidume na tramitación que non sabemos en que ano nos pode poñer, e estou convencido que a cidadanía non o entendería.

-Julio Villanueva, exedil do BNG e agora en SON, lembraba no pleno que en 2004 o PXOM costoulles unha moción de censura. Que mudou para que o plan xa non sexa "tan goloso", como el dicía?

-Cambiou o marco económico e social, saímos dunha esquizofrenia urbanística que acabou por meternos na peor crise económica deste país. Afortunadamente. Naquel momento estábamos sometidos a unha serie de intereses que no fondo pouco tiñan que ver co verdadeiro valor do urbanismo, que persigue o interese común. A xente agora ten outros problemas máis acuciantes que pensar no urbanismo. En Bueu demostramos que o urbanismo nos últimos anos serviu para crear un modelo de convivencia, de novos espazos públicos, de novas dotacións que desfruta o conxunto da cidadanía. Espero que este plan sexa tamén un referente nese sentido, e dende as institucións públicas debemos educar nese sentido.

-Foi edil de Urbanismo entre 2003 e 2004 e ocupa o cargo de maneira ininterrumpida dende 2007. Algunha vez pensou que a tramitación fose a prolongarse tanto, ata case eternizarse?

-Aínda co que se prolongou, recoñezo que se fixo cunha prudente axilidade e a experiencia deste equipo redactor foi un elemento clave. Son de natureza optimista e si que pensei telo aprobado antes, pero moitas veces sínteste impotente e sabes que toca resignarse, esperar e tentar facer as cousas o máis correctas posibles. Este é un dos expedientes máis complexos que se poden tramitar nunha administración. O importante é que ao final Bueu vai seguir na vangarda de concellos con Plan Xeral, vai seguir mellorando a experiencia e a tradición moi positiva a nivel urbanístico que temos.

Compartir el artículo

stats