Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa. Última entrega da primeira parte

María Soliño, símbolo de Cangas

A Cepa pecha esta primeira serie de achegas coa historia da veciña canguesa detida e torturada pola Inquisición no século XVI

Un fotograma da película sobre María Soliño. // Productora Faro

A Manolo Rodal, polo seu importante labor investigador na Historia de Cangas

Polos camiños de Cangas sabemos que María Soliño nace e vive aquí a finais do século XVI e nos primeiros anos do XVII. Muller con certo poder, tiña os dereitos de presentación nas capelas e freguesías de Moaña e Aldán. Este poderío económico supúxolle o seu arresto polo Tribunal do Santo Oficio, no declive económico da vila. Pero vaiamos ao principio...

"Alá na vila de Cangas/ península do Morrazo/ ocorreron graves feitos/ nun século xa pasado./ Polo mar viñan de lonxe/ os mouros arrenegados, / viñan con raiba de cans/ baballentos e encirrados, ben dispostos a morder/ con espadas e con... falos! / Mataron xente inocente / a toda a vila arrasaron/ homes, mulleres, cativos,/ casas, facendas e barcos... Os sarracenos malditos / saquearon, maltrataron, / de mortos, viúvas e orfos/ a vila nos sementaron..." Así cantaba o cego naquel seu cantar alá polo Nadal de 1617.

Nos areales de Cangas/muros de noite se erguían. Os turcos berberiscos asaltan Cangas entre disparos de mosquetes e arcabuces para aterrorizar aos veciños e para que se entregasen sen resistencia. Controlando as entradas da vila, conseguían reunir á poboación e facer algúns prisioneiros. Os que se opoñían eran degolados. "Desembarcaron e saquearon todo, queimaron a Igrexa Colexiata colleron cativas a moitas xentes e fixeron moitas atrocidades", segundo consta nun documento atopado na Casa de Paxarín. Os asaltantes deixan un saldo de 33 mortos, 17 homes e 16 mulleres.

As ondas do mar de Cangas, acedos ecos traguían. O verdadeiro obxectivo do asalto estaba no comercio de escravos: levaron cautivos a 36 homes, 20 mulleres e cinco nenos. Cada individuo apresado podería ter un valor entre 1.000 e 1.500 reais de prata. A redención dos prisioneiros recaía sempre sobre a familia. Os freires da Mercé visitaban os centros escravistas do norte de África levando os detalles dos prisioneiros, cicatrices, cor do pelo... e o diñeiro conseguido para o rescate.

As gueivotas sobre Cangas soños de medo tecían. A pequena nobreza local vía descender as súas rendas de xeito alarmante, polo que buscaron outros recursos necesarios para manter o seu nivel de vida. Dado o empobrecemento xeral que seguiu á invasión turca de 1617 propiciaron a "caza de bruxas", que tiña como obxectivo principal o de quitar os "dereitos de presentación" ás persoas que os tiñan. Con isto quedábanse cos beneficios que xeraban as capelas e as igrexas ao poder propoñer as vacantes de crego. Para disimular o seu propósito, mesturaron algunhas persoas que posuían bens con outras mulleres que eran moi pobres.

María Soliño foi denunciada polo Santo Oficio entrando nos seus cárceres secretos no 1621. A Inquisición confiscaba, previamente aos xuízos, os bens das persoas procesadas e partía sempre da base da culpabilidade, tendo que ser a acusada a que demostrase a súa inocencia.

Baixo os tellados de Cangas anda un terror de auga fría. O proceso quería demostrar que María posuía poderes cos que podía provocar incontables males e que tiña entregada a súa alma ao demo. Foi sometida a fortes castigos e suplicios até que confesou estar posesa polo demo e ser bruxa dende había máis de 20 anos. Mais en canto remataban de torturala, pedía clemencia ao Tribunal e aseguraba que nunca xamais renegara da fe cristián. Probe María as que tivo que padecer con aquelas terribles torturas físicas e psicolóxicas.

A figura de María Soliña aparece na literatura de noso en numerosas ocasións. Na voz de Celso Emilio Ferreiro, solitaria sufridora. Na gran nave catedral de Bernardino Graña, sobre a proa está a María de Cangas, a vella dona liberada por fin de cen mil demos de cobiza e maldade seguida na cuberta de labregos, amigos, xente boa e Pedro Barba, mariñeiro. Na canción de Astarot, con música de Carlos Gandón con letra de Xosé Manuel Pazos onde María escoita o mar cando cae a noite sobre a praia e o vento fuxe e a lúa danza sobre as augas. Ou nos versos do poeta Darío Xoán Cabana: "Chegaron homes de fóra/ que moi escuro vestían:/viñan probar que era herexe/ María Soliña... / Alguacís con armas foron/ á casa na que vivía/ dicindo: -dáte por presa,/ María Soliña-./ Mallaron nela con vimbios/ sobre das carnes espidas:/ vertía sangue a regueiros /María Soliña.// Colgárona polas dedas,/ cabeza abaixo a poñían:/ varría o chan cos cabelos/ María Soliña.// Metérona ó torniquete,/ tódolos ósos rompían:/ xa case estaba cadáver/ María Soliña.// Entre tormento e tormento,/ moitas preguntas facían:/dicía calquera cousa/ María Soliña.

O 23 de xaneiro de 1622 chegoulle a sentencia: confiscación dos seus bens, debendo portar o hábito penitencial durante medio ano. Non se non sabe se chegaría a cumprir toda a pena. Era unha muller xa maior e quedou moi debilitada polos tormentos sufridos. Case certo que a súa vida non durou moito máis. María Soliño non foi queimada viva, como lles pasou a moitas mulleres desa época, pero seguro que a loucura, a fame e a miseria remataron coa súa vida.

Posta en liberdade en Compostela, buscaría o camiño de volta á súa Cangas natal. É opinión do cangués Manolo Rodal (o mellor estudoso da súa figura) que é posible que marchara desorientada camiño do mar da Arousa e que morrera e que fose soterrada por Ribeira. A súa acta de defunción aínda non foi atopada. Estaría ben que algún día descubríramos onde repousan os seus castigados restos.

Outras moitas mulleres, até 1628, foron xulgadas polo Tribunal do Santo Oficio por suposta "bruxería": Catalina de la Iglesia, Elvira Martínez, Teresa Pérez, María dos Santos? Mulleres que sufriron o abuso e a avaricia dunhas clases dirixentes en decadencia e que son merecedoras da nosa admiración. A nosa memoria colectiva lembraraas non como meigas, senón como o que realmente foron: persoas de carne e óso, con todas as súas miserias e grandezas. María Soliño pasou a converterse no símbolo do sufrimento do pobo, e moi especialmente das mulleres, perante o poder.

*Secretario da Cepa e Alcalde de Cangas.

Compartir el artículo

stats