Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cangas, unha Semana Santa animada

As procesións teñen imaxes articuladas como as do Cristo das tres caídas; Carnasedo, que move os ollos; A Verónica, que abre as mans, o Desencravo e na Santa Cea hai viandas naturais

A Verónica

O son das carracas sustituía ao das campás e campaíñas, o que contribuía a crear unha atmósfera especial, de velatorio, acentuada pola imaxe dos santos da igrexa cubertos de teas negras. Por aquel tempo xa durmían no coro da igrexa, bastantes esnaquizadas, unhas imaxes articuladas que semellaban antigos e extranos manequíns cuxa utilidade no culto se nos escapaba. Anos máis tarde, ao recabar datos sobre os rituais festivos, descubrimos documentos que falaban da matutina procesión do Encontro que tiña lugar en tempos idos na primeira luzada do día. Estes datos, anotados desde o século XVII, viñeron xustificar o uso dos "santos" articulados e tamén a obrigatoria asistencia da Corporación á procesión do Santo Enterro, asunto do que desde a chegada da democracia, se desentendeu ata o máis integrista corporativo. Do Encontro xa quedaba pouca memoria pero nestes anos do Franquismo ainda perduraba a obriga da presenza institucional e do estamento militar (a Garda Civil e os Carabineros foron sustituídos por Romanos) escoltando ao Cristo nos actos de Venres Santo.

Sería alá por mediados dos setenta en Cangas cando, involuntariamente, topamos por primeira vez cos actos que, ás sete da mañá, recreaban o Encontro da Virxe con Xesús, observando como había figuras que en parte se movían seguindo o guión do Sermón que de viva voz ía ditando o predicador. Esta representación, que nos retrotraeu ao xa comentado, chamounos poderosamente a atención pola forte tradición e interese que suscitaba e que adquiría maior relevancia etnográfica e histórica ao facer personificación dalgunhas das figuras innominadas, dotándoas de nomes próximos ao seu entorno social: Os carallotes, Francisquiño da ferramente, Carnasedo... Sobre estes dous últimos alcumes dise que fan referencia a personaxes coñecidos da vila pero sobre os carallotes xa non existe nin unanimidade nin unha clara explicación ou referencia etimolóxica. No léxico galego, carallote recóllese como unha das definicións do equinodermo holotúrido moi coñecido agora en Cangas pola sua captura e que se coñece popularmente como carallo de mar. Matinamos primeiro se a estilización destas figuras puido dar pé a este nome, ainda que o de carallete, que lle din tamén aos longueiróns, acaeríalle ben igualmente. Porén, a etimoloxía que mellor definiría a estes personaxes sería a que en galego tamén se recolle como caralloto, dito dunha persoa fría, indiferente e distante e que cremos garda relación coa antiga e popular palabra, dita carajote en castelán e que significa soso, parvo, cachazudo e curto de entendedeiras, ainda que non figura no dicionario español. O papel destas duas figuras no contexto da representación como encargados de crucificar a Cristo, xustificaría esta connotación negativa que se lle dá popularmente, acentuada polo feito de que antano adquerían máis protagonismo ao desfilaren os dous saións nunhas andias aparte, tras do Cristo das Caídas. As figuras do Encontro cangués dotadas de mobilidade son o Cristo das tres caídas que executa estes movimentos, o centurión romano, Carnasedo que move os ollos (antigamente tamén sonaba a trompeta) e a Verónica que en dous movementos alza e abre as mans para mostrar o sudario coa cara de Cristo. Estes movementos conséguense accionando un manubrio que, através do esquelete de madeira da figura, transmite a rotación a unha engranaxe que tensa uns finos cabos metálicos que conseguen a animación dos brazos que están artellados nos ombreiros.

As fontes documentais testemuñan xa representacións dramáticas con figuras artelladas ao redor do primeiro milenio en países europeos durantes os oficios pascuais e nos Ordo ou Officium Stellae, (pode verse en youtube) destacando as da Resurrección. Logo, difundiríanse cara o sur, abranguendo tamén o ciclo do Nadal, adquerindo máis complexidade os elementos dos que se servían para a sua escenificación. Entre estes aparece a imaxinería articulada ou móbil con precedentes no Antigo Exipto e na Grecia Clásica, destacando a imaxe do xacemento fenicio do Carambolo (secs. VII-V a.C.) en Camas (Sevilla) que articulaba o seu brazo como eses gatos chineses que todos coñecemos e dos que ao mellor xa tiñan noticias os fenicios que eran moi viaxeiros.

Vemos, pois, como desde tempos inmemoriais, xa se tentou dotar de mobilidade a certas esculturas, sobretodo relixiosas ás que procuraban dotar de certa vitalidade xa que animar vén de ánima, alma. Ademáis de potenciar a función relixiosa, tratábase tamén de materializar a ollos da xente, o poder divino, establecendo unha maior relación imaxe - divinidade que a que inspiran as figuras estáticas. Asemade, na sua evolución, estas imaxes animadas contribuían a implementar o relatorio do predicador, alcanzando este, viveza e atención, facéndoo así máis comprensible para o público iletrado daqueles tempos. A veces, a implementación anímica execútase simplemente colocando viandas naturais como ocorre no paso da Santa Cea, obra de Ignacio Cerviño e artesáns cangueses, rematado en 1880 e que figura entre os máis senlleiros da península ibérica.

As figuras móbiles, articuladas ou animadas comezarían a sacarse do interior das igrexas para complementar as procesións na rua, alá polo último terzo do século XVII pero as da Semana Santa de Cangas e outras de traza semellante como as da Flaxelación, foron datadas no século XVIII, ainda que de autor descoñecido, e aparecen elaboradas bastantes anos despois do apoxeo que estas tiveran no século anterior. Non cabe dúbida de que na conservación das imaxes do Encontro ata hoxe, incidiu moito a restauración que delas fixo tamén Cerviño no ano 1877 e cabe que delas copiase a traza estilizada das figuras da Santa Cea, igual que fixo co Cristo articulado. Esta circunstancia e a posterior atención que a confraría da Misericordia (mariñeiros) lles prestou desde aquela, serían fundamentais para que a Semana Santa de Cangas siga contando hoxe con un dos actos que a fan moi exclusiva en Galicia no contexto desta celebración da Paixón.

Ao longo dos séculos e ao igual que na celebración do Corpo de Deus (Corpus Christi) foron moitos os actos e representacións que de xeito parateatral incorporaron figuras, a maioría desprazadas a outras festas laicas, como os xigantóns, os cabezudos, as cocas, as danzas... Entre os relacionados coa Semana Santa houbo moitos Autos sacramentais que se representaban nas prazas e nas procesións e que facían referencia a episodios da Paixón de Cristo como o que ainda se poden ver hoxe en Paradela (Meis) e Fisterra. Ademáis disto e ao longo da xeografía peninsular ainda quedan moitos restos destas representación que derivaron en actos, a veces extremos como o dos "Picaos" na Rioxa ou os "Empalaos" de Zamora e Cáceres que ainda perviven pero que xa foran prohibidos en 1349 polo Papa Clemente VI. Son tamén diversos os nomes de figuras e personaxes que singularizan estas celebracións nalgúns pobos e cidades dos que non imos entrar agora no seu referente ou simbolismo históricos. Entre os máis coñecidos podemos citar o Volatín (Xudas) e a Baixada do Anxo de Tudela, El Barandales e El Merlú de León, El Lambrión chupacandiles de Ponferrada, El Felipecuarto de Arganda, El Cagalentejas de Toro, el Guaringo hebreo y La Amparito de Sevilla ou as tamborradas de Calanda e Zaragoza ou a rachadura de olas (trencada de perols) que se fai no Grao o Sábado de Gloria cando tanxen as campás.

En Galicia temos referencias moi antigas dalgunhas figuras personificadas basicamente na Queima do Xudas que na sua evolución pasou a ser un acto pirotécnico (a estoupa do Xudas) que se agacha detrás das queimas das coñecidas en Galicia como Madamitas, árbores, mómaros... ritual que en nalgúns países de Sudamérica se fai no Nadal. Hai xa uns anos ainda tivemos ocasión de presenciar unha enxebre e atávica representación parateatral deste acto, procedente dun Auto Sacramental e que tiña lugar o Sábado Santo. Celebrábase nun pobo portugués raiano, no que nunha parada da procesión na praza, un numeroso público asistía á representación do Auto da Paixão cuxo momento álxido era o acantazamento (lapidación real) dunha persoa disfrazada con vestimenta de cor vermella, moi parecida ás botargas do Entroido, que ademáis era insultado de mala maneira e tildado de Xudas e de traidor por un pechado circo de xentes que impedían a sua fuxida.

Ademáis destes actos reseñados, o que con maior extensión xeográfica se segue a representar ainda é o do Desencravo, que tamén se celebra en Cangas na tarde do Venres coa conseguinte parateatralidade litúrxica que acompaña ao Sermón das Sete Palabras. Hai xa bastantes anos, como se ve na fotografía a representación figurativa era máis completa e a única figura móbil nos brazos é o Cristo. Esta figura articulada tamén é obra de Ignacio Cerviño (1877), policromada por Ventura Lazarí, e emula ao Cristo do Consolo, escultura barroca realizada en 1796 por Juan Pintos, tallador natural de Santa Cristina de Cobres. A furna na que se deposita é do mesmo ano que o Cristo de Cerviño, conservándose ainda a imaxe do anterior do XVII, mencionado nun inventario da Hermandad de la Virgen de los Dolores (1764) que tamén cita a antiga furna, as cruces dos ladróns e as duas escadas usadas no acto.

Ante a escaseza de documentación sobre o século XVII en Cangas podemos aproximar a orixe do Desencravo seguindo un texto parroquial de San Martiño de Moaña con data de 10 de outubro de 1672 que dice: ...Regiendo la yglesia apostólica Romana la santidad del papa clemente dézimo y siendo Rey de las españas Don Carlos segundo... que no avía imagen de nuestra señora de la soledad, que se hizo... y sea echo y colocado en el altar coletoral de donde oy sealla y con un santo cristo en el santo sepulcro bestida y adornada... ordenamos que el biernes Santo de cada año se aga la procesión de nuestra ssª de la Soledad, Al anochecer y sino, será a la hora a desposeción del cura y es condición que el mayordomo ha de ser obligado a traer un predicador que predique el Biernes Santo por la mañana el sermón de la pación de nuestro Señor Jesucristo y a la tarde el sermón del mandato y dezendimiento de la cruz...

De neno asistimos moitas veces a este acto onde a mobilidade do Cristo e sobretodo a interpretación do texto por famosos predicadores chegaba a conmovernos e mesmo atemorizarnos ao atribuirnos a nós, pecadores, que aquel home crucificado que parecía real, estaba alí por culpa nosa. De moita tradición son os Desencravos ou o Descendementos, segundo se escolla a denominación popular ou a liturxia oficial, destacando os da igrexa do castelo de Lebrija (Sevilla) e o da catedral de Burgos que, ademáis pode articular a cabeza. En Galicia destaca o Cristo utilizado nos actos pascuais que se celebran en Tui (tén tamén o seu Encontro coa imaxe articulada do Cristo caendo coa cruz) e os de Ourense, Celanova ou Xunqueira de Ambía. Contodo, a día de hoxe semellan ser máis as ceremonias do Desencravo desaparecidas en Galicia desde finais do século XIX, que as que chegaron ata hoxe, sendo moi sonados tamén os que se celebran nas igrexas de San Domingos de Santiago e os de Lugo e Pontevedra. Mentres moitos Cristos articulados desta ceremonia repousan abandonados, algúns outros manteríanse ata mediados do século pasado como o de Ribadeo, Pontedeume ou Santa María de Oirós. Nalgúns casos, como en Cangas, a figura articulada é unha réplica para preservar o valor histórico-artístico da imaxe orixinal como tamén se fai en Fisterra, Tui e nalgúns outros lugares de Galicia. Este acto litúrxico que nace no século XVI, tería a sua máxima expansión no século seguinte inspirado pola Contrarreforma que vai potenciar o aspecto estético no referente á relixiosidade, a pomposidade no culto e a explotación das emocións através da arte e do ceremonial. Moito queda ainda por falar das formas utilizadas na articulación das figuras e os sistemas empregados, da sua aparición e desaparición, e de milagros e lendas sobre numerosos Cristos, algúns moi atraentes por crecerlle o pelo a barba, mover os ollos ou a boca... que ben darían para estendernos máis. E é que a nosa Semana Santa, tras da sua moderna simbiose entre relixiosidade e turismo, tén moitísimos máis argumentos valorables que se agachan tras da parafrenalia e moderneces actuais que imitan vestimentas e ritos doutras partes.

(*) Investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats