Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Eugenio Eiroa Hermo, cronista do seu tempo

Profundou no estudio da historia de Cangas e demostrou que Ignacio Cerviño foi o autor do Cruceiro do Hío

Con Bernardino Graña e Xoán Chillón nas Xornadas de Lingua. 2002.

O seu traballo foi a investigación da historia local, a filatelia e o cultivo da amizade dos moitos amigos vellos e dos novos que foi incorporando co seu saber. Eugenio Eiroa Hermo era persoa prudente en todos os seus traballos, coidadoso nos detalles e sumamente educado e correcto cos seus opoñentes, en palabras de Fernández de la Cigoña. Sempre xeneroso, compartía os seus estudos e os seus saberes ben coa palabra, ben cos seus escritos nos xornais ou nos libros das festas e das confrarías que solicitaban a súa sempre disposta colaboración.

A súa casa estaba sempre aberta para aqueles que quixesen rastrexar no coidadoso arquivo que ocupaba dous cuartos acugulados de documentos. Moitas das fotografías do século XX que hoxe custodiamos na Cepa no Arquivo Fotográfico de Cangas foron cedidas por el ou son da súa autoría.

Para todos era o Cronista de Cangas, aínda que nunca o fose de maneira oficial, porque Eiroa soubo labrar sen descanso historias da vila e dos seus personaxes, recuperalos e dalos a coñecer. Sentímonos orgullosos dos seus traballos de investigación e do seu amor a Cangas que nos transmitiu en todo momento e en toda hora que tivese ocasión. Soubo moi ben adaptarse aos novos tempos e ás novas persoas.

Dedicou moitos anos a estudar o Cruceiro do Hío, o mellor desencravo dos sete que hai en Galicia. E foi don Eugenio (O home que superou a Castelao, como titulou FARO DE VIGO) o que demostrou a autoría de Ignacio Cerviño Quinteiro (1830-1905). E chega a esta conclusión despois de ler o libro de fábrica da Confraría do Cristo da Luz e de ollar a célula persoal expedida polo Concello a nome de Ignacio de profesión escultor con residencia en Cangas no ano 1872.

Nas fontes orais que manexaba don Eugenio destacaba os testemuños de tres persoas: o municipal Manuel Miranda González "verdadeiro arquivo histórico mental de Cangas, sempre preciso en canto a datas e personaxes"; a Camilo Maquieira Solla destacado canteiro e artista de Xeve que tratou persoalmente a Ignacio mentres viviu e traballou obras en Cangas; e a Manuel Sotelo, mestre de obras industrial cuxo pai traballou para Ignacio nos complementos da talla da Santa Cea e que, pasado o tempo, lembraba perfectamente como "un día veuno probe e cego e deulle unha esmola de cinco pesetas, lembrándolle que tivera traballado para el".

Eiroa recibiu varios recoñecementos en vida de institucións locais polo seu labor como investigador e defensor do Patrimonio e a Cultura como o celebrado na parroquia do Hío, unha merecida homenaxe nas vésperas do santo André de 2002 en recoñecemento ao seu labor investigador e polas súas boas calidades humanas. Foille concedida a Gran Cruz do mérito militar con distintivo branco.

Foi coautor do libro Quioscos meteorolóxicos de la vila de Cangas (1992) xunto a Emilio Padín e Avelino Avilés, participando activamente na súa reconstrución da man da Xestora presidida por Mariano Abalo. Fixo moito polo Patrimonio. Era fonte inesgotable de documentación cunha memoria prodixiosa. Destacar a loita levada pola reconstrución da capela do Hospital. Do urbanismo cangués lamentaba perdas importantes, como foi a Casa de Quirós, na praza do Arco e que propuxera que se destinara a biblioteca e museo. Aquela fachada tiña dous medallóns case idénticos aos da fachada da colexiata e que se cree que eran de Juan Ramos e de María de Pontes, persoas que contribuíran á construción da igrexa, a finais do s. XVI.

Co falecemento de don Eugenio, aos 90 anos (12 de setembro de 2009), o incansable historiador, Cangas perde ao seu grande estudoso e boa parte da memoria histórica do século XX que teremos que recoller no futuro Museo de Cangas, nese espazo para a historia local que el sempre tivo no seu pensamento.

Nós, herdeiros do seu saber e do seu labor divulgativo, seguiremos os seus pasos e os seus traballos como Cronista da Vila no tempo que lle tocou vivir e a súa idea seguirá viva en todos os que vimos traballando sobre Cangas, nos seus ecos e na súa memoria, na súa historia pasada. Seguiremos o seu exemplo, de gran mestre!

(*) Secretario e presidenta da Cepa

BIBLIOGRAFÍA:

Galicia Única. Revista Galega Independente. 2011

http://www.galiciaunica.es/eugeino-eiroa-hermo-el-cronista/

http://estanislaocigona.blogspot.com.es/p/art%C3%ADculos.html

Noelia Molanes: Eiroa, el hombre que superó a Castelao. FARO DE VIGO. 2009

Compartir el artículo

stats