Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Pilar, cociñeira e fundadora de Casa Simón

Josefa González e o seu marido Celestino Pintos "Simón" fundaron o prestixioso restaurante no ano 1948

Pilar Simon coas súas netas Marta e Ana diante do restaurante.

Todo comezou nun tempo xa moi lonxano cando Josefa Ana González Martínez (Pilar) casa co mariscador Celestino Pintos Rial (Simón). Non se sabe o por qué á familia lle chamaron sempre Simón e tampouco o por qué a ela lle dicían Pilar. Tiveron tres fillos: Morocha, Eva e Pepe.

Eran tempos da posguerra moi difíciles para todos e tamén para esta nova familia de Balea. Pilar toma a decisión de ir vender a Vigo os mariscos que o seu home e outros compañeiros procuraban tras longas horas de traballo no mar da ría. Este foi o primeiro paso, con bos resultados; pero o proxecto de montar un restaurante estaba aínda lonxe.

Nesas andaba Pilar cando un día en Vigo propuxéronlle preparar un xantar para festexar certo acontecemento. Todo saíu perfecto e a este encargo seguiron outros novos. Isto animouna e abriron unha casa de comidas en Balea. Agora Pilar, con vinte e poucos anos, ten que traballar arreo. Non era tarefa doada, de mañá cedo ir vender o marisco a Vigo e volver axiña a Cangas para cociñar.

Ao final a idea foi collendo forma e mellorando. E no ano 1948 abren o restaurante Casa Simón que vai ser, andando o tempo, un dos mais prestixiosos do país. Nos fogóns, a súa fundadora Pilar e nos mariscos e nos peixes, Simón.

As ostras e os mariscos que se comían en Casa Simón empezaron a ter sona e moita xente de fóra empezou a coñecer Cangas polo seu restaurante. Persoas aos que lles gustaba percorrer lugares e visitar os establecementos onde se comía ben. Pero Pilar tanto atendía aos viaxeiros con posibles como servía pratos caseiros, a prezo razoable para mariñeiros da Congorza. Na súa casa todos eran ben atendidos.

En ocasións Citröen presentaba aquí os novos modelos con comidas para 200 persoas. Outros clientes encargaban comida para levar a Ourense e recibiron o encargo de servir, nunha casa de emigrantes de Avión, unha comuñón que durou dous días e rematou con fogos de artificio.

O comedor de Casa Simón está na planta baixa, conservado co deseño que foi construído, co seu aparador e a estética dos anos 60. Nas súas paredes colgan as fotografías que dan conta da historia de grandes comidas, nas que ademais de boa mesa con mariscos e pescados, había "glamour". O restaurante foi cita de famosos. Alí podías ver a Anthony Quinn, a don Xoán de Borbón, ao expresidente Adolfo Suárez, ao político Pío Cabanillas, aos empresarios Fernández Tapias, Xosé Malvar, aos xornalistas radiofónicos Luís del Olmo, ao padronés Pepe Domingo Castaño,...

Outro dos habituais era o cantante Julio Iglesias, veraneante en Cangas de mociño e que sempre que viña por Galicia intenta volver ao restaurante que coñeceu naqueles veráns coa súa familia. A derradeira vez que estivo chegou sen avisar despois dun concerto do Pavillón dos Deportes en Pontevedra onde tivera como teloneiro ao ferrolán Andrés Dobarro co seu famoso Tren. Xa choveu! Aquí chegaron, de súpeto aparcaron no xardín da casa cinco coches dos grandes, algún deles descuberto, e Julio Iglesias baixou dun deles.

A cociña de Pilar recreaba o xenuíno sabor mariñeiro nos seus pratos. Eran verdadeiras creacións súas o estufado de bonito, o guiso de rodaballo e de ameixas, luras e doutros produtos do mar. E os filetes de balea que se traían da veciña factoría de Massó no Salgueirón, coma unha delicatesen. Unha persoa que frecuentaba Cangas naquela altura era o pintor Ernesto Bao. Aquí souberon acollelo e hoxe os cadros deste artista vigués decoran a entrada ao restaurante con escenas mariñeiras e do Berbés que falan da historia común de Cangas e Vigo.

Á morte de Celestino, vai ser Pepe (Simón), o único varón de Pilar, o que tome o leme para colaborar e decidir no negocio a carón da súa nai e da súa muller Encarna Soliño. Amplían o local no piso superior para vodas e banquetes de celebracións varias, chegando a ter preto de cincuenta persoas traballando.

Pilar, un todo terreo na cociña especialista nas pranchas, Simón nos mariscos, Encarna nas empanadas e Pepe a alma do restaurante. Un equipo que vai ter continuidade co bo facer de Ana e Marta Pintos, a terceira xeración, que son as que agora rexentan o local. Elas amosan os mesmos modos e saberes que aprenderon do seu pai no comedor e da súa avoa Pilar na cociña apostando pola comida tradicional actualizada e mellorada.

Casa Simón situou a Cangas no máis alto da hostalería galega grazas ao labor de Pepe e ao tesón e a forza de Celestino Pintos e de Josefa Ana González Martínez, á que aquí todos coñecemos como Pilar, o auténtico pilar no que se asentou casa Simón.

*Directivo de A Cepa e xornalista de FARO

Compartir el artículo

stats