Calidade en cantidade para honrar a Rosalía

O éxito da homenaxe á autora de "Cantares Gallegos" anima aos organizadores a trasladalo ao Auditorio o próximo ano

28.02.2016 | 05:56

Non cabía un alma no salón de plenos, e mesmo algúns membros da banda de gaitas que amenizaba o acto tiveron que permanecer fora ata que lles chegou o turno. O motivo era de peso: rendir homenaxe a Rosalía de Castro ao cumprirse 179 anos do seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837. Cos actos de onte, donde non faltaron un recital poético sobre a súa obra, ópera, vídeos e aportacións de persoeiros ligados á vida social e cultural da comarca, remata unha semana de homenaxes na comarca que tamén celebraron o mércores os concellos de Moaña e Bueu.

"Xa hai que reservar o Auditorio para o próximo ano, porque o salón de plenos xa non da para máis", recoñecía o mestre Fernando Cuñarro ao finalizar o acto no que se congregaron unhas 200 persoas no interior, en tanto varias ducias veuse obrigada a seguilo desde o exterior por falta de espazo. Máis de dúas horas de música, vídeos, intervencións artísticas e recital poético que souberon a pouco pola calidade dos seus protagonistas e polo tirón que sempre desperta Rosalía de Castro. "Cando se trata dela sempre acude moita xente; o éxito está asegurado", recalca Cuñarro, moi satisfeito do resultado.

Os actos comezaron arredor das sete da tarde no salón de plenos como unha homenaxe colectiva no que participaron os colexios, institutos, o Conservatorio municipal, a Escola de Música Staccato, a banda de gaitas María Soliña, mestres e alumnos, así como escritores e particulares de Cangas e doutros lugares do Morrazo. Despois da benvida ás portas do consistorio a cargo da banda de gaitas e percusión María Soliña, proxectouse unha selección de vídeos, antes dun recital poético que abriu o concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera, coa lectura do prólogo de "Cantares Gallegos". Colleu logo o testigo a soprano Carme Durán, cuxa interpretación foi longamente aplaudida polos presentes. A proxección dun curto de animación sobre "Negra sombra" realizado por Xoana Santos e Estela Torres e premiado pola ASPG puxo fin ao primeiro acto.

Seguíronlle outros, interpretados por máis dunha vintena de participantes. Entre eles, a do mestre e tradutor Quique Harguindey chamou a atención por ler un poema de Rosalía en francés, mentres un profesor e unha alumna da academia de música Staccato interpretaron ao violín "Adiós ríos, adiós fontes". Nelson Quinteiro, Xosé Vázquez Pintor, Camilo Camaño, Luis Chapela, Lina Santiago, Pilar Fernández ou o alcalde, Xosé Manuel Pazos, tamén pasaron polo estrado, que compartiron con alumnos dos colexios de San Roque, Monte Carrasco, Sagrada Familia, Castrillón, Espiñeira, Compañía de María, Rodeira, María Soliño e IES As Barxas, de Moaña. Liz & Blacksoul Band tivo a orixinalidade de interpretar "Castellanos de Castilla" en versión blues, e pechou o acto a banda María Soliña coa interpretación da "Marcha do Antigo Reino de Galicia".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine