Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David Amor: "A obra conecta moi ben en Galicia porque reflicte unha forma de pensar moi galega"

O actor é un dos protagonistas de "Amigos ata a morte", que volta mañá aos escenarios

De esquerda a dereita: David Amor, Ledicia Sola, Xosé A.Touriñán e, sentado, o Javier Veiga. // G.Santos

"Amigos ata a morte" foi un dos grandes éxitos da escena teatral galega durante o pasado ano. Esta produción, dirixida por Javier Veiga e protagonizada por Ledicia Sola, Xosé Antonio Touriñán e David Amor, logrou esgotar entradas en todas as funcións da anterior xira. Esa gran acollida é a razón deste retorno aos escenarios e a primeira representación será mañá sábado no Auditorio de Cangas, a partir das 21.00 horas e con entradas á venda a 14 euros no caso dos palcos e anfiteatros e a 16 no patio de butacas. Están á venda a través da web ataquilla.com e mañá mesmo na propia billeteira do Auditorio dúas horas antes da función. Antes diso David Amor fai un alto durante a gravación do programa "Land Rober" de A Galega para contar cales son as sensacións antes desta reestrea.

-A función de mañá en Cangas é a primeira desta segunda xira de presentación de "Amigos ata a norte. Están ansiosos ou nerviosos por voltar aos escenarios?

-Estamos con moitas ganas de volver a empezar, para que nos imos enganar. Ademais empezamos en Cangas, onde xa actuei varias veces, e é un sitio moi especial. Temos ganas de volver a atoparnos e, como mínimo, de pasalo tan ben como na anterior xira.

-Esa anterior xira foi un éxito rotundo, pero un éxito un tanto inesperado e con entradas esgotadas en todas as función.

-Javier Veiga, que é o director da obra, sempre creu moito no texto e tiña moi claro que a expectativa ía ser esa. Ao mellor Touri [Xosé Antonio Touriñán] e eu si que estábamos un pouco máis expectantes ao ser unha obra de teatro, de como podería respostar a xente. Pero foi maravilloso ver tanta xente nos teatros, ver que se esgotaban as entradas en todos os lados e que moita xente se quedaba fóra. Esa é precisamente a razón desta nova xira e o leitmotiv desta volta é "Esta vez non quedes sin entrada". A obra en realidade é a mesma, funciona como un tiro e trátase de chegar a toda esa xente que non puido vela no seu día.

-Tendo en conta a sinopse da obra cabería dicir iso de amigos ata a morte? ou ata que o amor se mete polo medio

-[Risos] Hai un pouco de todo. Trátase dun triángulo complicado que pon a proba a amizade entre os tres protagonistas. Sempre dende o punto de vista do humor porque isto é unha comedia en toda regla. Digamos que é complicada a amizade entre dous homes e unha muller, pero ás veces a amizade pode estar enriba de todo? Pero para saber que pasa hai que ver a obra!

-Entendo que para que unha obra con só tres actores enriba do escenario funcione ten que haber moita química entre eles, non só sobre as tablas, senón tamén fóra.

-Ao tratarse dun formato tan pequeno si que é necesaria esa química. Eu con Touri xa a tiña porque somos amigos de hai moitos anos. Ledicia soubo entrar moi ben nese triángulo e a xira foi moi divertida.

-Estamos acostumados a ver a David Amor como monologuista e en papeis na televisión. Que tal a experiencia teatral?

-Tiven algún contacto previo, pero esta obra foi realmente unha estrea para min. A pesar de actuar en recintos nos que xa estiveras antes cos monólogos, que tamén estaban cheos e que os aplausos son os mesmos, o teatro sabe doutra maneira. É algo no que coincidimos Touri máis eu. É unha sensación marabillosa e moi satisfactoria.

-Por que cre que "Amigos ata a morte" tivo tan boa acollida entre o público?

-Iso quen o sabe [risos]. A obra xa se fixo en castelán, en vasco, en catalán e representouse en Miami ou México... e en Galicia xa se representara en castelán. A obra orixinalmente estaba escrita en castelán, pero estaba escrita por un galego e cunha maneira de pensar moi galega [Javier Veiga]. A nosa teoría é que a xente en Galicia a entende dunha maneira especial. Digamos que ten un plus que fai que o texto resulte máis cercano. Logo o feito de que Javier sexa unha persoa moi coñecida tamén axuda.

Compartir el artículo

stats