Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aitor Rei: "As vítimas do Alvia cren que se quere tapar o que pasou e temen que se repita"

A documenta proxéctase hoxe en Bueu, coa presenza do director

O director do documental, Aitor Rei, que estará hoxe en Bueu.

Aitor Rei viu un día nas redes sociais unha das mensaxes de queixa que deixaron as vítimas do tren Alvia que descarrilou en Angrois en xullo de 2013. Decidiu escribirlles para sondear a posiblidade de facer un documental, unha mensaxe que esperaba que non tivese resposta. Pero a tivo e deu lugar a "Frankestein-04155", unha produción que foi recoñecida no Cineuropa de Santiago e na Seminci de Valladolid. Hoxe preséntase en Bueu, nun acto organizado polo Cineclube Bueu no Centro Social do Mar, a partir das 20.00 h e coa presenza do director.

- Por que o título de "Frankenstein-04155"?

-Frankenstein é o nome co que no argot ferroviario se coñece ao tren Alvia S730, que é o modelo que descarrilou en Angrois. Un directivo de Renfe que aparece no documental di literalmente que este tren "está construído a trozos e con retais" doutro tren [o Alvia F130] e se lle engaden uns furgóns xeneradores para que poda circular polos tramos de vía non electrificados. O sobrenome de 'Frankestein' vén porque, ao igual que o enxendro da película, este tren estaba feito a trozos. Ese alcume o certo é que non auguraba nada bo. No canto ao "04155" era o número co que operaba o tren accidentado.

-Como foi o proceso para rodar o documental?

-A pedra angular deste traballo é a minuciosa investigación técnica porque o que se pretende non é dirixirse ao visceral, senón ao cerebro do espectador. Hai máis de 6.000 horas de traballo e un ano e medio de gravación. O obxectivo é achegarlle datos ao espectador e que saque conclusións. Traballamos sobre os máis de 20.000 folios da instruccion xudicial, falamos cun amplo arco de enxeñeiros, maquinistas, exdirectivos de Renfe, xente que traballou para Adif... Que en pleno século XXI nos digan que a causa do accidente foi o factor humano é surrealista. Hoxe en día ata é posible que un coche sen conductor viaxe de Vigo a Madrid sen ningún accidente. O maquinista só é o último eslabón da cadea. Hai un sistema de control e de frenado automático (ERTMS), que avisa ao maquinista en caso de despiste. Se pasados cinco segundos non reacciona frena automaticamente o tren. Este Alvia e a vía tiñan o sistema, pero non estaba conectado.

-Foi difícil falar cos traballadores de Renfe? A compañía falou?

-O documental inclúe a xente do sector ferroviario e foi complicado porque ninguén quere complicarse a vida, como se soe dicir. Falou un exdirectivo, pero os responsables de Renfe e de Adif negáronse a falar. Tamén se lle propuxo a José Blanco, que era ministro de Fomento, cando se inaugurou a liña, e a Ana Pastor, que era a ministra cando ocorreu o accidente. A todos lles ofrecemos as nosas cámaras, igual que ás vítimas, enxeñeiros... Pero non quixeron falar.

-E o maquinista, Francisco José Garzón Amo?

-Falamos co seu avogado, pero el tampouco quixo falar. Parece que agora está defendendo os seus intereses. El cambiou a súa versión inicial porque nas primeiras gravacións se oe como di: "Yo ya lo advertí, que esa curva era peligrosa". Iso está é algo que está recollido na instrución. Pero cando chegou a declarar dous días despois cambiou a súa versión e asumiu toda a culpa. Os psicólogos e expertos aseguran que cando se está máis cerca do accidente é cando unha persoa é máis sinceira.

-Despois da fase de instrución, e tras varias imputacións e desimputacións de cargos de Adif, finalmente o maquinista é o único imputado e só el será xulgado.

-Falo habitualmente coa plataforma de vítimas e están indignados. Cren que é moi probable que desgraciadamente isto volva a suceder. Para que algo así non volva acontecer hai que mirar as causas e correxilas. Aparentemente aquí quérese correr un tupido velo, unha cortina de fume e pechalo o antes posible botándolle todas as culpas ao maquinista. Curiosamente é o mesmo que aconteceu nas outras grandes traxedias do transporte en España nos últimos anos: o YAK-42; o metro de Valencia, que se acaba de reabrir hai pouco; e o de Spanair. En todos se culpa aos maquinistas ou aos pilotos. No documental aparecen representantes desas plataformas de vítimas e a percepción en todos os casos é a mesma: o esforzo da Administración e das empresas públicas é para tapar o que sucedeu, en seguir para diante en lugar de buscar as orixes ou as causas. Parece que interesa o negocio e non a vida das persoas

-O documental está tendo unha gran aceptación de público e crítica, como en Valladolid ou Cineuropa de Santiago.

-Estamos moi agradecidos. A Seminci de Valladolid argumentou que foi "por investigar con rigor as causas dunha traxedia e mostrar as distancias entre a sociedade e as institucións". Seguimos na liña de levalo a festivais nacionais e internacionais. É importante seguir empurrando para que siga de actualidade porque isto é algo que interesa a toda a sociedade. Os responsables dos transportes públicos, que cobran miles de euros, deben asumir as súas responsabilidades e velar pola seguridade da xente. O obxectivo do documental é que esta traxedia non volva a suceder.

Compartir el artículo

stats