O telón do Entroido de Cangas súbese o venres, día 5, coa actuación teatral "As catro fantásticas", que se representará en sesión dobre, ás 18.30 e ás 20.00 horas organizadas pola asociación de comerciantes Cangas Vella e previa ás actividades que se desenvolverán na carpa a partires das dez da noite. "As catro fantásticas regresarán o día seguinte, sábado 6, ás mesmas horas, dando paso ao pregón da carpa habilitada na explanada de Ojea e que este ano corre a cargo da comparsa Os de Sempre. Non estará soa no escenario, pois a continuación presentaranse O Percal, Máis ou Menos, As Meigas, Marcha Loca e Os de Sempre. Este ano faltan Os da Curia, de Coiro, que fan un paréntese na súa traxectoria. O grupo Ámbar e o dj Sisco Larinho amenizarán o baile de Entroido desde as 23.00 horas para pechar a noite inaugural.

O domingo día 7 repiten "As catro fantásticas" cunha nova representación teatral á unha e media da tarde, e ás cinco será o desfile infantil con acompañamento de comparsas antes dunha festa na carpa amenizada por Dinamo Animación. "As catro fantásticas" regresan ás oito da tarde no último acto da xornada. O luns haberá xogos e obradoiros para nenos e nenas, entre as dez da mañá e as dúas da tarde, con prazas limitadas e para os que é preciso a inscrición previa na Casa da Xuventude, e as oito da tarde haberá outro festival de comparsas e murgas coa actuación de As Meigas, marcha Loca, Máis ou Menos e O Percal.

O martes 9 celebraranse actividades durante todo o día. De 10.00 a 14.00 horas continuarán os xogos e obradoiros, previa inscrición, e ás seis da tarde entrará en escena a repostería de Entroido cun concurso de postres típicos destas festas, seguido dun concurso de disfraces infantil no recinto de Ojea e actividades de animación polas rúas e prazas de Cangas. Un concurso de disfraces para adultos a actuación da comparsa Os de Sempre, que celebran o 40º aniversario, e un baile de Entroido co grupo 3.com pechan a xornada previa ao Enterro do Momo, que será o mércores 10, a partires das oito da tarde, cun percorrido polas rúas céntricas ata o Concello, donde se celebrará o xuízo que condenará á fogueira ao símbolo cangués do Entroido.