Despois da súa estrea no Teatro Rosalía de Castro, esta fin de semana Ibuprofeno Teatro desembarca en Cangas con dobre función da súa obra máis recente, Raclette, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. Onte pola mañá foi o turno dos escolares nunha sesión concertada con varios centros de ensino, e esta noite, ás 21.00h no Auditorio Municipal, hai función para todos os públicos.

"A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, reuníanse arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras", explican os promotores do espectáculo. E engaden que "esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, cinco personaxes que conforman un complexo mosaico humano" e que "provoca un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles pero que han de convivir a pesar das diferenzas". En suma, "son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes".

Con Raclette, o autor e director moañés Santiago Cortegoso gañou o premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2014. A representación, en galego, ten unha duración de 75 minutos e conta cun reparto integrado por Toni Salgado, que interpreta a Raúl; Deborah Vukusic (Paula), Marián Bañobre (Vero), Iria Sobrado (Miriam) e Salvador del Río, que interpreta a Mario. Rubén Pérez é o axudante de dirección, o espazo escénico e imaxe son de Diego Seixo, e da cobertura técnica faise cargo Ningures Produción.

As localidades estarán á venda noas taquillas do Auditorio Municipal de Cangas ao prezo de oito euros desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, sobre o que se pode dispoñer de máis información no enderezo www. ibuprofenoteatro.blogspot.com.