Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Ana María Soto, a señorita de Massó

Foi a primeira asistenta social de Galicia e a súa adicación convertiu á conserveira nun modelo a seguir

O interior da gardería de Massó en Cangas.

Ana María Soto Landeira (Vigo, 1921) foi unha muller pioneira: a primeira asistenta social de Galicia. Desde o seu posto nas fábricas de Massó esforzouse por mellorar as condicións laborais e de vida das empregadas das conserveiras en Cangas e Bueu, unha tarefa á que dedicou practicamente toda a súa vida profesional. Agardábana ao baixar do barco que a traía dende Vigo para expoñerlle a súa problemática familiar e á que Ana María procuraba buscarlle solucións.

Ana María Soto é unha muller valente, con historia merecente de ser contada e valorada. Estudou Maxisterio en Santiago e deu clases particulares a alumnos que non podían pagar. Influída polas ideas de solidariedade comezou a visitar fábricas e conseguiu que nunha metalúrxica de Vigo deixasen saír ás obreiras media hora antes, un día á semana para que se reunisen con ela e lle contasen os seus problemas.

Entusiasmáballe poder axudar á xente e deu clases de noite para mariñeiros que non sabían ler nin escribir. O que lle gustaba era o traballo social e convenceu aos seus pais, nos anos 50, que lle permitiran ir estudar a Madrid e formarse como Asistenta Social na Escola de Formación Social, algo extraordinario para unha muller naqueles tempos. "Unha vez a unha das miñas irmás preguntáronlle que facía eu en Madrid e cando dixo que estudaba algo de asistenta dixéronlle que 'para ir a servir a unha casa non fai falla estudar tanto'", contaba.

A través de Amalia Bolívar, muller de Gaspar Massó, entrou a traballar na fábrica de Cangas. Ao primeiro non sabía moi ben o que tiña que facer, cal podería ser o seu traballo, polo que pediu tres meses sen soldo para elaborar un informe e coñecer ás familias das traballadoras e as necesidades que podían ter. A resposta de don Gaspar foi positiva. Deulle un pase para viaxar no barco, en primeira clase, e comezou a traballar o 1 de febreiro de 1955 con posto fixo na empresa, ao primeiro como administrativa e despois cunha categoría superior. Non tardou en vencer o escepticismo do empresario, que ao principio a acolleu "como un enchufe máis", pero que logo recomendaba a contratación dunha asistencia social a calquera empresa con máis de 100 traballadores, como recoñecía nunha conferencia en Cartaxena no ano 1965.

Ana María visitaba as casas das traballadoras para coñecer a situación das familias. Atopou un alto índice de analfabetismo, moitas persoas asinaban con dedo e por veces tiña que traducir o que lles dicía o médico.

As persoas que non podían traballar en determinados postos de esforzo trasladábaos a outros máis cómodos e ás que viñan dunha baixa prolongada, incorporábaas de maneira gradual. Ana María ía ao médico con aqueles que non tiñan quen os acompañase ou que non sabían desenvolverse. "Sempre quixen que me visen como unha man amiga que lles axudaba a volver á empresa si estaban de baixa", lembra. As mulleres confiaban moito nela e sabían que todo o que lle contasen quedaba entre elas. E moitas veces só o feito de contar o que lles pasaba xa lles supuña un alivio.

Unha das primeiras propostas que fixo foi a creación dunha gardería con pediatra para que os fillos das traballadoras estiveran ben atendidos. Propúxolle a idea a don Gaspar que aceptou decontado. "Díxome que a montase como se fose para os seus propios netos, sen regatear en nada". As mulleres tiñan media hora diaria para darlle o leite e ao chegar á gardería duchábanlle os fillos, cambiábanlle a roupa e tiñan control sanitario desde o primeiro día.

Tamén xestionou axudas para mozos e mozas que eran moi válidos para o estudo e que grazas a ela puideron estudar. Entre eles o mestre, dramaturgo e actual alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos. "A 'señorita' foi unha das persoas máis determinantes na miña vida. Sen o seu traballo cotiá a favor dos traballadores de Massó, e dos seus fillos, a miña vida e de moita outra xente sería outra", lembraba nunha carta publicada en FARO.

Ademais da gardería, no recinto da fábrica construíron un comedor, un hotel, escolas de padroado e vivendas para os traballadores. Ana María Soto recoñece que a firma Massó Hermanos foi un modelo no tema da asistencia social cos seus empregados.

Naqueles anos había moitas baixas por tuberculose e incluso algúns falecementos por iso empezamos a pedirlle aos que viñan traballar un certificado médico do Padroado Antituberculoso. Co tempo tamén abriron un comedor con prezos moi baixos para as persoas de lonxe que traballaban pola tarde non teren que volver as súas casas e tamén inauguraron un hotel e varias vivendas para os traballadores.

Ana María foi cofundadora da Escola de Ensino Social de Galicia. Estaba tan unida á empresa Massó e ás xentes do Morrazo que rexeitou un traballo de funcionaria nas Mutualidades Laborais dependente do Estado e seguiu na conserveira durante décadas. Moitas daquelas persoas aínda se lembran dela e séguenlle tendo moito agarimo. Cando coinciden por Vigo aínda recoñecen á "Señorita de Massó" e lémbranse do seu importante labor.

A Ana María Soto concedéronlle o premio á mellor asistenta social do ano no 1963 e recibiu unha merecida homenaxe nas Xornadas da Muller organizadas pola Cepa (2010) sendo recibida no concello e asinando no libro de honra. Tivo outro recoñecemento importante por parte do Concello de Bueu na Gala da Igualdade polo seu traballo e os seus compañeiros traballadores sociais de Vigo e Pontevedra rendéronlle unha homenaxe no 2014.

Hoxe con 95 anos aínda está activa colaborando coas organizacións de axuda aos máis necesitados. Estivo realizado un importante labor nas Aldeas Infantís a carón de Rita Regojo, co Fogar e Clínica San Rafael de Vigo na atención a discapacitados e coa asociación María Auxiliadora. Que sexa por moitos anos!

*Secretario de A Cepa e xornalista de Faro de Vigo

Compartir el artículo

stats