Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Preito dun párroco moañés por escándalo público

Martínez de Prado, crego de San Martiño no 1772, denunciou a unha parella por andar como se foran marido e muller

Cruz de prata co nome do crego. // M.U.G.

Despois de que o padroado e presentación de abades na igrexa de San Martiño deixara de pertencer a unha congregación de leigos na que estaba María Soliño, como herdeira do seu marido Pedro Barba, asasinado durante a invasión de Cangas polos turcos en 1617, o poderoso Pazo do Rosal logrou facerse con tal privilexio e situar na reitoral moañesa a catro familiares cregos que, de xeito sucesivo, foron nomeados reitores da histórica freguesía de Moaña, ata comezos da década de 1770 en que, por non dispor deles, tivo que nomear a un párroco alleo.

Como o daquela Sr. do Rosal vivía entre Moaña e Santa Cristina de Lavadores, elixiu ao cura desta última parroquia, D. Domingo A. Martínez de Prado, para sucederlles desde xuño de 1772; o novo párroco, como os anteriores, pasou a ser a persoa máis poderosa da freguesía e quen máis diñeiro ingresaba, despois do seu protector do Rosal, o que lle deu pé para cometer varios atropelos, entre os que destaca a interposición dun preito por escándalo público contra unha familia do actual barrio de Ameixoada, cuxo desenvolvemento descríbese nun documento de poder asinado polo notario de Paxarín, D. Antonio Rubiños, o 2 de xuño do ano 1773.

Encabeza o poder manifestando que ten como fregueses ao matrimonio formado por Plácido Martínez e a súa dona María, a cuxa casa chegara o ano anterior desde Andalucía un familiar chamado Manuel Martínez, solteiro, para percibir a herdanza do seu finado pai, veciño de Ermelo: "... y como entre los hijos que tiene dicho Plácido, y su mujer, es una llamada Lucía soltera, resultó tener mucha amistad con el expresado Manuel Martínez de que se le dio cuenta al Otorgante como su Cura, por algunos vecinos del escándalo que daban, y haber riñas y quimeras, entre dicho Plácido, su mujer e hijos?" Continúa denunciando o crego que na vivenda familiar xuntábase Manuel con varios compañeiros e, debido aos celos, chegaban a sacar espadas con alguna efusión de sangre o que podía rematar en mortes; por elo, nunha primeira actuación, exhortaba aos fieis durante os ofertorios das misas dominicais sobre tales escándalos, "para que viviesen todos en el santo temor de Dios". Vendo que continuaban cos mesmos costumes, citounos na Reitoral para aconsellarlle secretamente a Manuel que se apartase de Lucía e aos pais dela, que non lle permitiran nin sequera ter conversas con el.

Lamentábase o párroco que, "aunque ofrecieron la enmienda, no lo han ejecutado; antes bien, viviendo con más desorden, andando de día y de noche el Manuel con la Lucía juntos, como si fuesen marido y mujer?". Vendo pois o pouco caso que lle facían, decidiu denuncialos diante do xuíz ordinario de Cangas que, inmediatamente deu orde ao mordomo pedáneo e ao rexedor de Moaña, "para que cesasen los escándalos que había en molinos y casas de dicha feligresía y prendiesen a los delincuentes".

Efectivamente, meteron no cárcere a Manuel quen, deseguido, mandou recursos a dito xuíz e ao de apelacións que se atopaba en Santiago, "exponiendo falsamente lo que le pareció conveniente para conseguir su libertad"; en canto a Lucía, deu testemuño de "hallarse encinta del expresado Manuel Martínez, su pariente, con palabra de casamiento". Sabedor o párroco de tales feitos, foise inmediatamente ao veciño Pazo de Paxarín co obxecto de pedirlle ao notario que outorgase poder a un procurador de Santiago para que, no seu nome, actuara diante do xulgado de apelacións da cidade compostelá solicitando a condena contra Manuel, Lucía e os demais membros da familia, "y que se le mande prender y embargar sus bienes para que les sirva de castigo y a otros de ejemplo, y que los más feligreses del Otorgante sean obedientes a lo que les amonesta y amonestare para que vivan en el Santo temor de Dios". Subliña logo que, "no es su ánimo de que se pase a efusión de sangre ni mutilación de miembros?"

(*) Investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats