Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Manuel Mosquera, o mestre poeta da escola do Adro

Coñecido como "Barbicas" polas súas barbas, donou os terreos onde hoxe están a piscina e as pistas de atletismo

Imaxe da escola de nenos número 1 de Cangas, a do Adro, co mestre Manuel Mosquera no ano 1939.

Don Manuel Vicente Mosquera Vidal, mestre da escola do Adro, nace en Baiona o 15 de agosto de 1882. Aos 34 anos foi destinado á escola pública nº 1 de nenos. Aquí vai estar ata a súa xubilación atendendo aos rapaces do centro, dende os pequerrechos de cinco anos ata que saían para os traballos do mar.

Chega a Cangas no 1916, ano de fundación das Irmandades da Fala, e escribe cantares na nosa lingua: "Heicha de cortar de noite, / heicha de cortar a rente, / coas tesoiriñas do tear,/ a barbiña relucente". E a súa escola pasou a ser coñecida como Escola de Barbicas, polas potentes barbas que traía o mestre.

De mozo participa cos seus versos en certames de poesía e gaña os Xogos Florais de Pontevedra de 1916 co poema titulado "Quen canta, o meu mal espanta". Un daqueles cantares foi o dedicado á Virxe Peregrina e recollido na revista Vida Gallega: "Ando alegre polo mundo/ sen bágoas e sen fatigas,/ porque meigos me alumean/ os ollos da Peregrina.// Teño de ir a Pontevedra/ e rezarlle á Peregrina,/ para desfacer os feitizos/ que me fixo unha meniña.// Non hai terra coma Galicia/ máis doce e máis feiticeira,/ nin rapazas como as nosas/ de corazón de manteiga.//Ata o ceo renunciaría/ si eu alí non te encontrara,/ pois non vexo máis que infernos/ se non miro a túa cara.// Tres cousas hai en Galicia/ que as envexa o mundo enteiro;/ doce fala, meigas mozas/ e a morriña do galego!".

En Cangas o mestre Mosquera Vidal forma parte da Xunta Local de Ensinanza en toda a década dos anos 20, participa cuns versos na inauguración do cuartel da Garda Civil (1929) que foron recitados polo Sr. Lago. Foi tamén secretario da Xunta do Censo Electoral en 1930. Casado coa mestra Perfecta Sitoula Giráldez, residiron en varias casas: na rúa Santa Baia, na Sequeiros e, finalmente, na praza do Mercado.

Don Manuel Mosquera, con 50 anos, ten graves problemas de vista e os do Concello son partidarios da súa xubilación que intentan a través da Inspección pero non o conseguen. E Mosquera continúa ata 1950 ao fronte da Escola do Adro.

Faise socio da Casa do Mestre de Pontevedra e colabora coas familias de mestres presos; pero os novos tempos da Liberdade abertos na flor da Segunda República remataron. O Fascismo gaña a Guerra e impón o terror. Ao mestre Mosquera ábrenlle expediente por parte da Comisión Depuradora de Maxisterio e por medo ou polo que fose converteuse ao falanxismo dominante e imperante.

Hoxe os que foran seus alumnos aínda o lembran con nostalxia. "Eu empecei a ir no 39. Leváronme meus pais. A escola tiña poucas mesas e estabamos sentados en bancos corridos. Nas paredes caleadas había dous encerados pintados, un negro e outro máis pequeno vermello. O mestre tiña unha mesa e unha cadeira moi grandes que impoñían. Detrás, na parede, os retratos de Franco e José Antonio, no medio un crucifixo. O mestre era un home moi forte, alto, de pel morena, con bigote e cunha voz potente e forte. Don Manuel sempre andaba cunha regra de madeira na man para impoñer respecto. Eran anos de forte represión e o lema preferido era o de a letra con sangue entra".

Pero o tempo sempre anda e nunca desanda. Morre a súa mullerdona Perfecta e sen facer caso daquel cantar que deixara escrito: " Non cho dou, téñocho dito, / e vólvocho a repetir: / quen dá todo canto ten, / axiña ponse a pedir", don Manuel Mosquera fai testamento de doazón de todos os seus terreos en Coiro, para que sexan destinados a equipamentos culturais e deportivos. Comparece, xa privado da vista, perante o notario Luís Rodríguez García, e déixalle os seus ben á Fundación Finca Mosquera-Sitoula, formada polo párroco, o notario, o xuíz, o mestre de maior categoría e a dous parentes lexítimos do testamenteiro familiar, coa petición de executar esa derradeira vontade.

Hoxe Cangas dispón dunhas pistas de atletismo e da piscina municipal nos terreos que foron da súa propiedade. E deixa bens, máis de un millón das antigas pesetas, para unha bolsa de estudos para fillos de Cangas ou de Sabarís, a súa aldea de orixe.

O Concello reunido en sesión plenaria (26 setembro de 1952), e a proposta do concelleiro señor Cidoncha, solicita a realización dunha homenaxe en vista da recente xubilación do mestre. Toman o acordo de sumarse por unanimidade á homenaxe aos méritos extraordinarios que no mesmo concorren preto de 40 anos de docencia e a nomealo Fillo Adoptivo de Cangas. Asemade nomean Filla Adoptiva, a título póstumo, á súa dona expresando o sentimento de gratitude e admiración de todo o pobo.

Escribía o xornalista J. F Eiroa Hermo no Faro de Vigo de 1961: "Desde as venerables, mourísimas e respetables barbas de don Manuel, pedagogo, poeta, erudito conversador, ..." Don Manuel Mosquera morre no 1965 aos 83 anos. Atrás quedaron aqueles tempos de escaseza. Tempos de fríos e de medos, co saber sempre a pé de vara. Tempos do Raias e da enciclopedia Álvarez, dos cadernos de Rubio e de tinteiros no pupitre. "Unha tarde parda e frío de inverno. /Os colexiais estudan./ Monotonía de chuvia, tras dos cristais", en versos doutro poeta, don Antonio Machado.

*Integrantes de A Cepa e mestres

Compartir el artículo

stats