"Fragancias derrotadas que emanan dos xoguetes absurdos? para o consumo" é o suxerente e enigmático título da nova exposición de cadros e instalacións artísticas que se vai inaugurar hoxe ás 20.00 horas no Ateneo Santa Cecilia, coa asistencia do autor da mostra, Augusto Fontám. As obras, que se poderán visitar ata o 30 de xaneiro, son resultado da experiencia do artista co dadaísmo e coa customización.

Augusto Fontam (Pontevedra, 1953) é un artista autodidacta e activista cultural vencellado aos colectivos Amigos da Cultura e A Vacaloura, de Pontevedra, e A Pedra Floxám, de Lourizán. Ademais, colabora na revista literaria galego-portuguesa Elipse. Iniciou a súa traxectoria pictórica en 1979 cunha exposición na libraría Nós de Pontevedra titulada "Formas" e, dende entón, suma máis dunha trintena de mostras. Destaca tamén pola súa faceta como creador audiovisual, que deu como froito varias curtametraxes e documentais de temática política.

Como autor literario, a súa obra abrangue dende 1988 ata a actualidade, coa publicación de numerosos anti-poemarios nos que Fontam homenaxea a figuras como Nicanor Parra, Bertol Brecht, Castelao ou Georges Brassens. O profesor e fotógrafo Alfonso Díaz "Foni" tense referido a Fontám como un creador "moi persoal" cuxa obra se aproxima ao que se entende por "arte bruto", do que foi pioneiro o artista francés Jean Dubuffet. As pezas que conforman "Fragancias derrotadas" están fóra dos límites coa cultura oficial e reflicten a postura do autor "contra a uniformidade na expresión", afirma Foni Díaz.

Así, Augusto Fontám recorre á arte e á ironía para cuestionar de forma provocadora a ausencia de valores da sociedade actual, uniforme, consumista e chea de contradicións. A estética kitch e a antipoesía son dúas cualidades do seu estilo transgresor.