Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un dos recursos históricos das rías galegas

Que ocorre co cultivo das ostras? (II)

Ademáis dos bancos de Pontesampaio, na ensenada de Cangas había tres ostreiras naturais moi productivas

Últimos criadores de ostra en batea en Domaio nunha imaxen en 2011. // Gonzalo Núñez

No 1642 era Noia quen abastecía principalmente á raíña e á corte con ostras e linguados en escabeche sendo que o auditor de la cosas de guerra, Antonio de Gayoso y Figueroa apercibía aos pescadores de Cobres, Sampaio e Redondela para que non estragasen tantas ostras pois hai risco de desabastecemento da casa real. Para evitar isto decreta que para collelas precisan de licenza e orde da sua maxestade baixo pena de dez ducados de multa e vinte dias de cárcere. Semella que non se lle fixo moito caso a estes requerimentos pois mesmo se sacaban da ria de Aldán cando algún alto cargo precisaba delas para as suas celebracións particulares. Os praceres de Liméns e Barra tamén eran moi apreciados pois daquí tíñanse sacado exemplares dunha libra de peso.

O Padre Sarmiento a mediados do XVIII tamén fala da común extración de ostrias como lle dicían os mariñeiros, pero que por ser tan común, apenas lle dedicará algo de atención. Menciona o criadeiro de Pontesampaio, o rastro que se usa para collelas e que son dos mariscos que precisan dalgún ferro ou refugallo de coitelo para abrilas.

En 1826 vólvese a recoller que en Cangas se collen ostras para a venda. Mais é a mediados do século XIX, cando o profesor Coste realiza, por encargo de Napoleón III, diversos ensaios sobre a captación de ostra plana, considerando esta data como o punto de partida para que a ostricultura ad¬quira carta de natureza oficial e xurda un interese polos cultivos mariños. Esta experiencia tivo moita influencia en Galicia e creáronse a mediados do XIX ao longo da costa galega e cantábrica numerosos parques para o cultivo da ostra plana. Mais, apesar deste esforzo, a ostricultura no conseguiría implantarse "sobretodo pola oposición dos ribeireños ao establecemento dos parques de cultivo". Esta postura manteríase durante moitos anos mentres que se tén por certo que dos nosos placeres levaron os franceses cara Ostende en Béxica, as suas primeiras crias de ostra. En 1865, Leoncio de Rubín e Tomás Llanos solicitan como socios unha concesión ostreira na enseada de Redondela á que se suman outras solicitudes de coñecidos persoeiros como Juan Vázquez Puga, Juan Tapia ou Eduardo Chao que pretendía abrir parques en Larache/Cunchido e Soutogusto. Mais en 1866 o historiador Cayetano Rosell comenta xa na sua Crónica que a ostra tén desaparecido en Galicia sendo unha mágoa para tan empobrecido reino pois eran moi prezadas polo seu sabor e abundancia, sobretodo as da Pasaxe e Pontesampaio.

De gran importancia é o estudo que no 1869 realiza o médico naturalista Mariano De la Paz Graells, localizando o que quedaba dos criadeiros e parques de ostras naturais en Galicia. No seu periplo pola costa galega localiza numerosos establecementos e bancos de ostras, uns mellor conservados que outros, sendo os máis próximos á nosa zona os xa coñecidos da Pontesampaio onde di que xa só quedan murrunchos (ostras raquíticas) cando antes eran grandes. Apunta que a causa disto foi non respetar as vedas e non poñerlle couto ao vandalismo practicado na sua extracción. Ademáis da zona indicada, menciona a enseada de Cangas con tres ostreiras naturais, moi produtivas, entre a Punta de Rodeira e o rio Arena (Areal?), duas próximas e outra entre as rochas Sartán e Bemollo. Di que nesta data están moi esquilmados e ocupados por vieiras pero propón que estes bancos poderían servir de viveiros de ostras nais por lo acreditado de su antigua fertilidad. Outros bancos naturais localizábanse no Con (Aldán), en Cabo Udra, Punta Mourisca, en Punta da Robaleira (Bueu), moi rica esta tamén en vieira, e en Mogor.

A comezos do 1881 as cunchas das ostras, "que se collían a carretadas", reducíanse a pó que unha vez secado servía para o seu uso no fabrico de gasosa pois con el conseguíase unha parte do ácido carbónico. A parte da ostra chamada "amargo" gardábase en recipentes e usábase para facer xabón.

Apesar dos fracasos anteriores, temos constancia de que en outubro do 1883 Manuel Martínez Basalto e José Fornos Galín, solicitaran da comandancia de Mariña de Vigo un permiso para establecer un criadeiro de ostras en San Simón. E que neste mesmo ano, o vapor "Congo" trae 50.000 ostras "nai" para o parque de Pontedeume propiedade de Vicente Vázquez Queipo. Despois chegarán outras 50.000 mais, todas elas procedentes, paradoxalmente, de Arcachon (Francia). Na altura de 1907 había en Galicia dezanove parques de ostras en funcionamento colléndose moitas na ria de Pontevedra no 1912 segundo acredita a solicitude dos ostreiros que demandan a prohibición do angazo pois destrózalles as crias.

A partir de 1960 e coincidindo coa extinción dos bancos naturais, os ostricultores galegos reactivarían o cultivo da ostra e volverían importar masivamente semente procedente de Francia para o seu engorde en batea. Ao tempo, desenvolverían unha técnica específica para este sistema de cultivo que daría uns resultados relativos. Hai que dicir que a ostra plana galega non sempre tivo a consideración da que goza na actualidade pois ainda non hai moitos anos, cando os mariscadores vendían a ameixa, trataban sempre de camuflar pezas de ostra no fondo das caixas para incrementarlles o peso. Ainda non hai sesenta anos seguíanse extraendo miles e miles de quilos de ostras, (ostrias, ostias... son outras denominacións) dunha chea de bancos naturais, espallados por toda a costa galega: Ostreira, Ostral, Ostreirón... que son nomes que ainda son recoñecidos polos mariñeiros e as xentes da ribeira.

Compartir el artículo

stats