Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un dos recursos históricos das rías galegas

Que ocorre co cultivo das ostras? (I)

O profesor e investigador Xerardo Dasairas afonda nas orixes do consumo deste marisco

Información gastronómica. //

As orixes do consumo da ostra remóntanse a tempos prehistóricos pois os cuncheiros achados nas covas inducen a pensar que algúns dos nosos devanceiros xa se sentían más inclinados cara este viscoso e fresco bocado que á rexa e monótona carne de mamut. Apreciada desde a antigüidade, chineses, exipcios, gregos e romanos descubriran xa o seu gran valor gastronómico e mesmo os poetas definíana como "adorno dos mares".

En Galicia, a ostra aparece xa desde antigo, como unha especie tradicional na dieta das poboacións costeiras, tal como testemuñan os xacementos prehistóricos, os castros (Rodeiro) e incluso o seu emprego como morteiro na construción da muralla de Lugo. Varios historiadores romanos tamén aluden ao tamaño e abundancia das ostras galegas. Na Idade Media (c.a. 916) as ostreiras xa aparecen tamén como doazóns reais aos mosteiros. Nestas épocas, os bancos naturais de ostras cubrían gran parte dos fondos das rías galegas de onde se extraían en grandes cantidades.

O incremento demográfico e o desenvolvemento do comercio, incrementarían a explotación deste recurso en exceso e os bancos naturais irían reducíndose progresivamente.

Os primeiros datos documentais sobre as ostras en Galiza véñennos da man do Licenciado Molina (1550) quen apunta que, nestas datas, o país abondaba en toda clase de peixes e mariscos que tocaban os límites do asombro e que as ostras, xa desde os mais remotos tempos, tiñan fama universal. Di que os principais criadeiros estaban na Ponte Sampaio, Rianxo, Carril e A Pasaxe da Coruña. Do que está no Carril apunta: "Aquí ay la mayor cantidad de ostras que ay en todo el reyno, ni en otros, y en tanta abundanzia, que se cargan nauíos de ellas y en escabeche se prouee Castilla y la mayor parte de España. Es prouisión que se precia y estima por doquier que se llena". E do da Pasaxe comenta que é: "Donde ay las más hermosas y mayores ostras del reyno; tantas en cantidad, aunque no como en el Carril y Rianxo".

Dous anos despois, as ostras escabechadas tamén se incluían nas sisas que se facían sobre o seu comercio, sendo que as de Vilanova e Combarro xa eran tan estimadas que os proveedores da Real Casa andaban a procuralas con grande empeño. E así no ano 1561 sábese que veu a estes portos o comisionado real Pedro Rodríguez de Valdivieso, quen baixo pretexto de encher de escabeches a Real despensa, cometeu moitas falcatruadas e vexacións nestas rías. Sobre a sua cotización temos poucos datos e só sabemos que no porto de Vigo, en febreiro do ano 1569, aconsellábase que se desen tres ostras da Ría por unha branca, moeda equivalente a medio maravedí.

A comezos do século XVII sería o cardeal Jerónimo Del Hoyo na sua Visita do Arcebispado de Santiago, quen anotase que "frente a Cambados, hacia la parte del Grove era tal la abundancia de almejas, ostras, berbirichos, megillones y otros moluscos, que durante la bajamar quedaban al descubierto, que de éllos se cargaban muchas carabelas de Portugal y otras partes".

Nestas datas, as ostras comezan a ser moi cotizadas debido á preferencia das clases altas e da Corte madrileña. Na época da Coresma, basicamente escabechadas en barriletes, eran transportadas polos arrieiros desde Pontevedra cara as feiras de Castela, a Corte madrileña e os mosteiros do interior, remitidas polos cenobios ubicados na costa.

Compartir el artículo

stats