A todos nos sona a viguesa Rúa das Ostras ou a Festa da Ostra en Arcade pois son os escaparates mais coñecidos para a promoción deste produto, antigamente abundante en placeres e hoxe cultivado en criadeiros. Hai xa uns anos, a Xunta de Galicia ollaba detrás da ostricultura galega un sector con posibilidades, ainda que se admitía a enorme competencia procedente de Cataluña, Francia e outros países europeos. A isto hai que sumarlle a atomización do sector e a escasa evolución tecnolóxica do seu cultivo, debido en parte non só a unha cativa mentalidade produtora, senón tamén á desconfianza xurdida do fracaso de experiencias anteriores. Este fracaso tivo os seus alicerces na falta de semente autóctona que hai que importar moi cara de Francia (estragamos os praceres naturais) e insistir no desenvolvemento dunha tecnoloxía de reprodución en laboratorio que permita a creación de viveiros (hatcheries/nurseries) para evitar a dependencia das crias. Hai máis de catro anos, os catorce produtores da Ría de Vigo xa advertían da imposibilidade de manter o cultivo ante a falta de semente e de canles de comercialización (Faro de Vigo 15/3/11) pretendendo dedicarse a outro produto. Agora, a Xunta acaba de aprobar o cambio de actividade e está claro que as suas miras están postas no cultivo do mexillón coa conseguinte preocupación destes produtores que non ven con bos ollos o incremento do parque. A presenza da ostra en lonxa tamén foi minguando e de vinte localidades nas que se subastaban, hoxe non chegan a cinco e sempre con escaso rendemento de cantidade e prezo.