Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cabodano do ataque pirata a Cangas · Apuntes históricos

1617: Cabezas de turco (e II)

O historiador cangués relaciona as referencias ao ataque pirata e os procesos contra mulleres acusadas de bruxas

Publicación conmemorativa do 380º cabodano do asalto polos piratas turcos en 1617. // FdV

Aproveitando a nosa pertenza ao Padroado do Patrimonio Histórico-artístico de Cangas, propuxemos a edición dun traballo sobre o tema que foi sacado adiante pola Concellería de Cultura con motivo das Festas do Cristo de 1997 ao se cumpliren 380 anos do histórico episodio. Esta publicación, con afán divulgativo e tentando clarificar os tópicos existentes, xiraba non tanto arredor do tema das "bruxas" como do contexto histórico, a documentación exhumada por Barreiro e unha semblanza sobre o mundo do mar de Cangas naquela época que foi, despois das vítimas, o máis prexudicado. Asemade, tamén hai que suliñar a nosa intención de procurar conmemorar de forma digna un feito que se nos antollaba lutuoso sen caer no tópico traxicómico das numerosas festas históricas de Galicia que celebran eventos nos que os galegos foron derrotados, como a invasión romana, a dos viquingos ou o desastre de Rande co afundimento da maior parte da flota franco-española.

Fuxindo do paradoxal destas festas, pensamos na celebración dunhas xornadas nas que dalgún xeito se homenaxease ás vítimas e pensando nun aproveitamento audiovisual e teatral elaboramos un "cómic" con imaxes a base de corta e pega cuxa intención real non era esta, senón a disposición dun "storyboard" que servise a tales fins. E naquel momento houbo interese tanto na parte audiovisual como na teatral pero ao final, por diversos motivos, entre eles os recortes en cultura, ambos proxectos foron adiados. Mais, con todo, coidamos que este traballo baixo o epígrafe de Crónicas romanceadas (noveladas) da Vila vella de Cangas e que lle foi doado ao Concello, non só alcanzou a divulgación prevista senón que deu orixe á peza María Soliña de Carlos Núñez, a un video de promoción turística titulado Rutas con historia: El Morrazo, e incluso foi pirateado, nunca mellor dito, polo autor dun fascículo da Historia de las Rías, editado polo Faro de Vigo.

Porén, non tería a mesma acollida nalgúns círculos "intelectuais" locais, incluíndo a nosa publicación entre os "aburridos refritos que se viñan publicando ano tras ano sobre o tema..." ou que "a versión era próxima a unha historieta de piratas ou que parecía sacada dunha páxina do desembarco de Normandía". E todo polo bombardeo previo da vila que recollemos, segundo os informes, e que xa fixeran antes nos asaltos a Vigo segundo todos os relatos dos historiadores dos que bebemos. En contra disto, apúxose non só a ineficacia da artillería que levaban senón que se argumentou o custosa que era a pólvora (?) chegando a negar tal bombardeo e aseverar como máis normal daquela os disparos de mosquetes e arcabuces. Mais, por contra, o que resulta paradoxal sería que uns piratas que navegaran tanto mar ata a lonxana Galicia para atacar Baiona, A Coruña e Vigo e que contaban co apoio coxuntural de Inglaterra e Francia, andivesen escatimando a pólvora da que mesmo se proveían coas presas de barcos que facían. En fin...

Outra cuestión a debater sería o chamado Informe Paxarín, que máis semella aquel de espías chamado Pelikano e as cartas dos mandos militares ao capitán xeral marqués de Cerralbo. O primeiro, por enxeñoso e interesado coa clara e interesada intención de beneficiarse da exacción de impostos promovida polas autoridades para paliar o desastre, e os partes militares, por tentaren exculparse de non teren defendido Cangas e a zona como era a súa obriga.

No 2005, da man da asociación de hosteleiros do casco vello, organizaríase unha denominada Festa Barroca que pretendía rememorar a efeméride coa presenza dun mercado de época, unha representación do asalto pirata por nenos, xogos arredor do tema e charlas divulgativas. Porén, a improvisación, o recurso a unha asociación foránea de artesáns (Cantabria medieval) e o mal tempo de decembro darían ao traste coa intención de asentar este evento que moitos consideraban necesario e viable. Habería que agardar ao 2009 para que a compañía local Teatro de Ningures abordase o tema coa experiencia previa da posta en escena dunha obra sobre María Soliña.

A representación fíxose en xullo coincidindo coa XXVI Mostra de Teatro e non só tivo unha grande acollida de público, senón que todos coincidimos en que era a forma máis digna de abordar este tema, non só sen caer no esperpento traxicómico senón coadxuvando á participación popular no mesmo. Un punto de partida ideal que debería continuar, incorporando co tempo a presenza dos artesáns e comerciantes locais, as vestimentas de época e un combate naval pirotécnico xa tradicional noutrora nas vilas marítimas de Galicia.

A dous anos vista do 400 cabodano do asalto berberisco e cando en Vigo xa están a pensar no evento, Cangas debía replantexarse a continuación da exitosa proposta teatral e a homenaxe pública ás vítimas daquel terrible 9 de decembro de 1617 que Carlos Varela personalizaba no pregón das Festas do Cristo coa erección dun monumento a María Soliño.

Neste tema, e particularmente, coidamos que o monumento denominado "Ondiña" de Manuel Varela, que ía para Aldán e acabou en Cangas, representa mellor un basta xa de violencia bélica, de xénero ou de calquera tipo, homenaxeando ás vítimas de 1617 e ás mulleres de Cangas violentadas naquelas e nestas datas. Ainda que se viu como un "basta xa" á contaminación do mar, acabou conmemorando a Constitución española cun lema que, cremos, contradí a intención dos dedicantes a non ser que, veladamente, xa apoiaran anticipadamente a reforma constitucional que se anuncia.

Amáis disto, non debe ser só cuestión de fe non indagar sobre se o Cristo non ardeu porque non estaba ou por milagre, tal como considerou tamén o canónigo Álvaro de Avalle, o feito de terse salvado naquel día pola proximidade da Inmaculada Concepción. Está claro que estes e outros asuntos escurecidos polas historias que se contan, precisan ao menos tamén, dunha "crítica seria, fiable e veraz" como se demandaba.

Compartir el artículo

stats