Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Xoán Piñeiro, artista e escultor de Nerga

O cangués é un dos grandes artistas galegos do século XX e mañá cúmprense 35 anos da súa morte

Piñeiro traballando nunha das súas últimas obras.

Xoán Piñeiro nace o 18 de outubro do 1920 no camiño da Fonte en Nerga (O Hío) nunha familia labrega. É o maior de sete irmáns. Destacaba coma un bo debuxante cando aínda vestía mingos, aqueles pantalóns curtos dos nenos pequenos. Asiste á escola primaria con irregularidade ata os 12 anos. A escola non lle gusta e ademais tiña que axudar na casa.No monte, cando vai coas ovellas, recolle e grava pedras pequenas e outras máis grandes, lapeiras. Modela paus que atopa: "A miña primeira gubia foi a variña dun paraugas", dixo nalgunha ocasión.

Con 14 anos traballa en varios oficios: mariñeiro, albanel, electricista e pintor de brocha gorda. Faise a si mesmo, día a día. Polas noites faino na súa lideira: macacos, figuras de vulto. Monta o seu taller en Cangas (hoxe libraría Viláfer na rúa Real) no que se dedica ao retrato en debuxo, modelado e talla de madeira. Son os anos de "Xoán fai santos" para os seus veciños.

No 1938, con 18 anos, ten que cumprir o servizo militar obrigatorio. Volta decidido a ser escultor nun ambiente artístico amouchado, moi cativo. Estamos nuns anos moi difíciles para os artistas. Xoán Piñeiro, home soñador e imaxinativo, mantén boas relacións cos novos intelectuais de Cangas: os Graña, Massó, Cribeiro, Castroviejo cos que mantivo sempre unha boa e afectiva amizade.

Con 24 anos, estuda na Escola de Artes e Oficios en Vigo onde ensina o escultor Camilo Nogueira. Nesta altura é premiado por unha talla de madeira dun "San Telmo"e coa axuda do Concello de Cangas vai estudar na Escola de Talla e Imaxinería de Santander e na Escola Superior de Artes e Oficios e á Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid), cultivando a destreza e perfeccionando o oficio de escultor. Participa en tres grandes bienais organizadas polo Instituto de Cultura Hispana, na Hispanoamericana en Barcelona e a da cidade da Habana.

No 1952, como bolseiro da Deputación, compartirá estudio co pintor Xabier Pousa. Recorre toda a península para coñecer a tradición artística do Estado e, no ano seguinte estudará arte viaxando por Italia. Queda impresionado pola obra do grande escultor Miguel Anxo.

Aos 36 anos casa con Carmiña Álvarez e van vivir a Goián. Terán catro fillas. Nos anos 60 intercambia Madrid con Galiza e no 1962 trasládanse a vivir a Vigo onde atopa máis liberdade, menos compromisos para traballar na procura de novas experiencias creativas esquecidas dende a República.

Xoán Piñeiro establece o seu estudio en Goián (1965) onde traballará ao tempo a escultura en pedra e a fundición en bronce. Foi o tempo dos nenos de pedra, das figuras femininas, dos temas mariñeiros, das maternidades e dos traballos en bronce. Rodeado de aprendices atraídos pola súa xenerosidade, a súa ilusión e a súa humildade, sempre aberto a aprender. Son os anos da súa maior produción. Nace agora a súa escultura abstracta: "Teño a necesidade de refuxiarme nestas formas; é un recreo para identificarme como escultor que é o que pretendo, ca necesidade de comunicación das miñas vivencias e da miña maneira de sentir"

Un accidente de coche no Porriño un 20 de decembro de 1980 camiño do obradoiro de Goián, á beira dun valado de pedra levounos ao artista de Nerga. Á súa morte creouse a Fundación Xoán Piñeiro na que traballa activamente toda a súa familia e especialmente a súa filla Cuqui, que dirixe os traballos que realizan na fundición anexa.

Deixou obras de granito, barro, madeira e bronce por todo o País. En Vigo, na igrexa dos Xesuítas, na rúa Marqués de Valadares, hai un magnífico retablo que representa a Derradeira Cea. Na Terra de Montes realizou unha figura en bronce dos irmáns Cachafeiro, os afamados Gaiteiros de Soutelo. Unha das derradeiras ilusións era facer unha obra que simbolizara a Cangas. Un monumento á vila fronte ao mar. Ao mellor era aquel mariñeiro sentado na proa dun barco, de volta de Leixões e cunha buguina na man. Na alameda quedou a escultura homenaxe aos mariñeiros, titulada "A volta do mar". Unha obra, doada polo autor, chea de tenrura e agarimo coma o que Xoán Piñeiro lle tivo sempre á súa vila natal.

Piñeiro foi un extraordinario tallista, intenso na pedra, máis libre no bronce e un gran investigador. Un home sinxelo cunha grande capacidade de traballo e gran entusiasmo vital. Na súa obra deixou pegadas claras: o amor á súa terra, ao seu mar e ás súas xentes. E, sempre, o apoio ao sector humilde como actitude emocional e vital. Nunha persoa sensible e tenra coma Xoán Piñeiro, cunhas grandes calidades humanas reflectidas nos seus afectos e a na súa xenerosidade, na súa obra e na cantidade e calidade dos amigos que sempre o lembramos.

*Membros das asociacións A Cepa e Amadeirarte

Compartir el artículo

stats