Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Mestre Tenreiro, músico e letrista do Antroido

Dirixe coros, comparsas e a Banda Municipal que deixou despois da guerra polos seus ideais republicanos

Comparsa los Capuchones preparada polo Mestre Tenreiro no Entroido de Darbo, no ano1935.

Non se coñecen os motivos polos que Tenreiro pasou de vivir dunha cidade importante como Ferrol, onde xa tiña unha familia formada con tres fillos, a unha vila mariñeira moito máis modesta como era Cangas naquela altura. Con algo máis de 20 anos, abre unha zapatería no barrio do Forte (na mesma rúa que agora leva o seu nome). Persoa moi popular e moi querida, o mestre Tenreiro, amante da música, dirixe coros e escribe as letras das comparsas sendo un dos máis importantes organizadores e o gran animador do Entroido cangués a principios do século XX.

No ano 1907, con 25 anos, xa aparece dirixindo unha comparsa. Despois vai ser o director doutras moitas: Trobadores, Gondoleiros, Verinenses, Capuchones, e Xoves Demócratas. Unha das pezas máis populares que aínda hoxe se escoita cantar á xente maior, compúxoa para esta comparsa na que relataba unha disputa entre os concelleiros Nores (Partido Radical) e Corbacho (socialista).

Foi director do coro Gallego que, con preto de 30 voces mariñeiras, era o responsable de organizar o percorrido na noite das Pepitas e dos Xosés nas vésperas do 19 de marzo nos anos 1931 e 32. Escribe cancións ás mulleres de Cangas na súa onomástica: "Mujer hermosa y galante/ clavel de amor,/ oye al marino un instante/ por favor, / y no desdeñes bien mío/ el corazón/ del que te ama con delirio/ bella ilusión. Ven a mis brazos ven/ no me hagas sufrir/ ven conmigo a vivir/ que cese tu desdén,/ dichoso aquel que a tí/ bello ángel de amor/ te amó con fervor/ y loco frenesí".

Na infancia de Tenreiro os coros cantaban habaneras, valses e mazurcas ás Pepitas e ás mulleres ferrolás . O nome de Xosefa abundaba entre as familias e as noivas. Aqueles grupos de amigos, que se xuntaban en barberías e tabernas, amosaban o resultado das horas de ensaio, formando agrupacións para ofrecer as súas melodías acompañados con guitarras, violíns, laúdes, bandurras e bandolas, vestidos elegantemente con capas e cintas, roldaban baixo as balconadas para despois rematar todos xuntos na Praza de Armas.

Segue sendo tradición alí, que os locais de hostalería agasallen nese día aos seus clientes cun pastel en forma de corazón, coñecido como Bico das Pepitas, un biscoito de cacao, con cobertura de chocolate negro e crema de laranxa. A mesma tradición obriga aos letristas a versificar con palabras doces como touciños do ceo, en verbas do humorista Siro López. Deixou escrito don Gonzalo Torrente Ballester, nacido en Serantes, que onde se atopan tres ferroláns hai un orfeón. (E seguramente será certo).

O alcalde de Cangas nomeou Director interino da Banda Municipal en 1931 a Tenreiro que viña substituír a Marcelino Carballo. Despois da guerra, Tenreiro de ideais republicanos, non vai aceptar a dirección por razóns ideolóxicas e por non querer poñer a gorra vermella da Falanxe.

O mestre Tenreiro era unha persoa moi popular e desinteresada. A cambio das súas cancións non quería diñeiro. Para el había cousas moito máis importantes como a paz e a irmandade entre as persoas. Prefería que lle pagaran en especies, con amizade, con agarimo e con solidariedade.

Naquel ano de tanta escaseza e tanta miseria como foi o 1937, á súa nai ocorréuselle a idea de que lle mandara unha carta ao mesmísimo Franco para pedirlle un traballo naquel ano tan duro; a fin de contas foran veciños porta por porta e era o que mandaba en España. Pero Tenreiro dicíalle que prefería morrer de fame antes de pedir axuda ao ditador.

Das súas anotacións musicais e do seu arquivo gardado na casa familiar nunca se soubo. Un día apareceron dous homes dispostos a pagar algún diñeiro polas súas cancións e as súas partituras para coro; pero que a súa viúva nunca chegou a mirar os cartos.

O mestre Tenreiro faleceu en Cangas, en abril de 1937, con 55 anos. Deixou sona de home talentoso e músico creativo. É unha persoa recoñecida e lembrada por todos os amantes da música coral. O costume dos coros das Pepitas que trouxera do seu Ferrol nativo foi continuado polos coros dirixidos por Eugenio Carballo. Aínda está hoxe vivo grazas ao labor de Tucho Perete, un gran seguidor dos seus pasos, e o coro san Xosé que cada ano sae ás rúas de Cangas. Que sexa por moitos anos!

(*) Membros da Cepa e bisneta do Mestre Tenreiro.

Bibliografía:

Antonio Nores e Iago Santos Castroviejo: Historia de Cangas, 1900 - 1936. A Nosa Terra.2005. P. 814.

Xerardo Dasairas. Memorias da II República en Cangas. ed. do Castro. 2002

Compartir el artículo

stats