Permitídeme, no comezo deste escrito dedicar unas palabras ao noso querido amigo Xosé Neira Vilas que foi enterrado onte na súa aldea de Gres, no concello de Vila de Cruces. Hoxe é un día de loito para todos os galegos.

Cando estaba en Cuba aló polos anos 70 ou 80 as alumnas e alumnos maiores do colexio público de Reibón escribíronlle por iniciativa do mestre Fernando Cuñarro e el mantivo unha interesante correspondencia con eles. Máis tarde, xa de volta na Terra, no ano 1993 a Agrupación Cultural Nós entregoulle un premio na cea de Irmandade Cultural da man do anteriormente premiado que era Isaac Díaz Pardo, un premio por "Facer País". No ano seguinte foi el mesmo quen lle fixo entrega ao seguinte galardonado que foi Xosé Luis Méndez Ferrín. Outros premiados foron Mini do grupo A Quenlla; Xosé Mª Palmeiro, xornalista; o mago Antón, Milladoiro, Manolo Rivas ou o pintor Laxeiro.

Nos últimos quince ou vinte anos celebramos todos os anos un xantar de amizade con Neira Vilas e antes tamén con Anisia Miranda, nas Ínsuas de Gres, un día do mes de agosto no que nos xuntabamos algúns veciños e veciñas de Moaña, Cangas, Chapela, Redondela e doutras partes de Galicia. En Moaña o líder da xuntanza era precisamente outro Balbino coma o protagonista de "Memorias dun neno labrego". Un lugar aquel das Ínsuas no medio do río Ulla que fai fronteira entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, lugar que vos recomendo visitar pola súa fermosura paisaxística e ao mesmo tempo para coñecer a Fundación Neira Vilas.

Neira Vilas contábanos historias da emigración en Buenos Aires, en Cuba, de cando se deseñou a bandeira galega ou da estrena do himno galego. Eran conversas moi interesantes nas que alternaba o diálogo coa sinatura de exemplares das súas obras que lle levabamos os amigos e amigas para ter una lembranza súa de primera man. Algunhas veces, cando aparecía xente nova mostrábanos a fundación que leva o seu nome, a biblioteca e o museo que ten na súa casa. Lémbrome da entrega que lle fixemos dunha frauta traveseira que pertencera ao mítico grupo dos Tamara e el recibiuna con moita ilusión.

Agradecemos desde a Agrupación Cultural Nós as páxinas do FARO DE VIGO de onte onde queda patente o seu extraordinario labor literario a prol da nosa cultura.

*Secretario da Agrupación Cultural Nós de Moaña