"Alcalde, el otro día te vi en un canal de televisión hablando de los problemas en el mercadillo". David foi o encargado de abrir o debate nada máis saudar a Xosé Manuel Pazos, que o recibiu no seu despacho como membro dunha comitiva de dez persoas do centro Xoán XXIII, adicado á atención de persoas con discapacidade intelectual. Foi media hora de debate intenso e moi instructivo, no que os rapaces e rapazas demostraron estar moi ao día da política municipal e do seu tratamento nos medios de comunicación. "Me entero porque leo mucho el Faro de Vigo", recalcou David cando o rexedor reparou en tal coñecemento.

Ao redor da mesa de xuntas anexo á Alcaldía, Pazos foi escoitando as aportacións dos convidados, varios deles veciños de Moaña e Bueu, e respostando ás preguntas. Dani falou do seu traballo como repoñedor nun supermercado moañés, que lle serviu para superarse, e quixo saber que pasa co proxecto anunciado para as naves de Ojea, que segundo Pazos "terá que esperar". Pepe, o veterano do grupo e veciño de Berducedo, apuntou as orixes "estranxeiras" de Anabel, que interviu cun acento foráneo que non tardou en explicar: "Soy de padre alemán, madre griega y me dicen que tengo acento francés", mentres Benjamín incidía na vea artística familiar ao presentarse como "sobriño de Manolo Coia", o escultor de Nerga que ten varias pezas instaladas no municipio, como o "Vento de proa" frente ao consistorio.

Con Alejandra, a monitora, e Cristina, a técnica de Turismo, xestionando a visita polas instalacións municipais, os usuarios do Xoán XXIII non parecían ter presa algunha. Preguntaron que foi de Nardo Faro, lembraron o novo papel de Sotelo na oposición e tamén como deputado provincial, as diferencias entre o tripartito e o cuatripartito, os controis que se fan para evitar ilegalidades urbanísticas ou os motivo do alcalde para non acudir ás procesións relixiosas como facían os seus antecesores no cargo, mostrándose respetuosos coas súas crenzas. Aínda tivo tempo Pazos de atender as recomendacións da súa irmá, Jacinta, que o alabou como alcalde e mestre e lembroulle que non esqueza pasar pola casa e atender as obrigas familiares.