Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Casa-habitación dos mestres

Adxudicábanse a profesores que contaban xa con vivenda propia ou que non exercían e alquilábanse en verán

Viviendas de profesores en Nazaret. // Gonzalo Núñez

Entre os numerosos abusos e irregularidades que detectamos estaban a adxudicación a profesores que contaban xa con vivenda propia ou que non exercían no concello, o aluguer da vivenda no verán, sobretodo as próximas á praia, demandas de pago (ilegal) de obras (pintado, luz, contadores, portas...) polo ocupante antes de cedela e incluso desafiuzamentos de viúvas de mestres. E todo isto, nin sequera o concello podía evitalo apesar de ser o responsable das adxudicacións pois o ocupante contaba co desinterese e incluso apoio da correspondente Delegación de Educación. Isto provocaba continuamente un pasarse a responsabilidade entre uns e outros, demorando a resolución da solicitude que finalmente remataba, por dilatación do asunto, en abandono do demandante ou en negativa nada xustificada pois a arbitrariedade formaba parte do dereito sobre estes asuntos.

Sobre este tema, tamén se aludiu ás vivendas doutros colectivos de funcionarios como os militares e os gardas civís. No primeiro caso, as vivendas militares teñen un réxime diferente e particular, rexido anteriormente por un Padroada e desde a chegada da democracia polo Instituto de la Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa (Invied). No caso das vivendas dos gardas civís, ainda que existen referentes xudiciais, estes son escasos pois a maioría delas están incrustadas no propio cuartel e ningún concello quere prescindir deste servizo. Historicamente, coidamos que teñen a mesma orixe e lexislación que as dos mestres pois ambos os dous tiveron carácter de corpos sendo que os primeiros datos que temos referentes ás dos mestres tamén datan de 1844, ano en que se constitúe a Garda Civil. Neste ano, a orde rezaba que os concellos deberían suministrarlle Casa-habitación ao mestre da escola primaria pública e á sua familia, sala a propósito para o ensino co seu menaje correspondente. O xuiz local era o encargado de supervisar que as condicións e espazo da vivenda fosen decorosas e capaces para o docente e a sua familia. En caso de non contar con vivenda o propio edificio da escola, esta debía estar perto da mesma e de non contar o concello con unha en propiedade debería alugala ou aboarlle ao mestre o importe dun aluguer. Polos datos que recbamos da época republicana cabe constatar que no ano 1934 a Corporación solicitaría do Ministerio de Educación a supresión da aportación municipal ao mantemento das escolas, casas (alugueres) e mestres pola extremada pobreza do Concello. Por este motivo foi moi longo e sonado o pleito co mestre do Pósito Felipe Carnicer polo pago da sua casa-habitación pero que o Concello entendía que debería ser aboado pola a Caixa Central do Crédito Marítimo por depender desta institución. Outros conflitos sobre o tema procedían da duplicidade do aboamento deste concepto pois consideraba o Concello que os mestres Perfecta Sitoula e Manuel Mosquera como matrimonio só debería cobrar un deles por concepto de Casa-habitación.

Mais as premisas legais habían manterse ao longo dos anos e na Lei de Educación Primaria de 17 de xullo de 1945 (art. 151, ps. 10-11) vólvense a recollerse practicamente as mesmas disposicións que vimos citando e o mesmo recolle o artigo 176 do Estauto do Maxisterio de outubro de 1947. Porén, a partir de finais de 1953, a Lei de Bases de Facendas Locais exime xa aos concellos de proporcionarlle aos mestres casa-habitación gratuita ou compensación económica por aluguer que logo se ratificaría na Lei de Réxime Local de 24 de xuño de 1955. Isto sen prexuizo de que sigan ao seu dispor as vivendas existentes como se recolle nas Leis de 1967, 1970 e 1985, xa implantada a E.G.B., ainda que non sexa de forma gratuita. Porén, os concellos non poden cobrar aluguer, cánon ou taxa pola utilización dese ben de dominio público (ben demanial) porque iso subvertiría a orde institucional polo que se regula tal dominio público local, ao non estar destinado o seu uso ou aproveitamento en beneficio de particulares ou doutras administracións senón, exclusivamente, en proveito ou en función de quen desempeñan o comentado servizo público docente. Só se hai desafectación, cabería o cobro de renda ou aluguer pola súa utilización polos mestres. Outra cousa sería se houbese antigas vivendas non ligadas aos centros docentes de forma material ou por anexión, que poden ser consideradas bens patrimoniais dos Municipios e, por iso, os concellos poden poñerlle fin ás cesións gratuítas, gravosas para o erario municipal, ou buscar contrapartidas.

O destino ao servizo público da educación é o que lle confire o carácter demanial e non meramente patrimonial á titularidade dos edificios e solares dos centros docentes públicos, avalado este criterio por Leis de Educación, o Código Civil e reais decretos sobre o Regulamento de Bens das Entidades Locais. Diversas Sentenzas do Tribunal Supremo, emitidas entre 1993 e 1999, tamén se pronunciaron no sentido de cualificar ás escolas públicas e mesmo ás vivendas para mestres como bens de dominio público con carácter demanial. Desde o último ano citado, algunhas das comunidades autónomas con competencias en educación como a andaluza procederon a incluir na súa lexislación que a desafectación de vivendas de mestres non necesitará da autorización previa da Administración Educativa, outras como a Vasca suprimiron o dereito a casa-habitación dos mestres e mestras no seu territorio regulando o réxime transitorio e a xunta de Galicia mantiveron o dereito dos mestres a cása-habitación e regularon os casos de procedencia de desafectación (Decreto 250/1988, de 21 xullo, da Xunta de Galicia). O que si regulamentou a Xunta desde a entrada da LOGSE e recollido logo na LOEA, foi o uso compartido dos establecementos educativos polos Concellos ou por outras entidades ou organismos e persoas físicas ou xurídicas para actividades educativas, culturais, deportivas ou outras de carácter social na procura dunha rendibilidade óptima dos recursos. O devandito uso será sempre fóra do horario lectivo e suxeito ás necesidades derivadas da programación das actividades dos devanditos centros, engadindo que as Administracións educativas, deportivas e municipais, colaborarán para o establecemento de procedementos que permitan o dobre uso das instalacións deportivas pertencentes aos centros docentes ou ao municipio. Isto conleva tamén que os usuarios deberán garantir o normal desenvolvemento das actividades por eles realizadas, a non interferencia nos aspectos académicos do centro e a adopción de medidas oportunas en materia de vixilancia, mantemento e limpeza dos locais e instalacións, de modo que tales dependencias queden en perfecto estado para o seu uso inmediato posterior polo alumnado nas súas actividades escolares ordinarias, asunto este que segue a provocar numerosas protestas polo seu incumprimento.

Resumindo, cabe constatar que os mestres da Comunidade Autónoma de Galicia seguen tendo o dereito a casa-habitación onde as haxa e proba disto é que os mestres, a maioría, que non ocupan unha destas vivendas, seguen a percibir na sua nómina por este dereito a cantidade simbólica de 2,69 euros e que noutras comunidades pode chegar a seis. Este concepto retributivo, código 24, herdado do pasado semella anacrónico pero algún intríngulis legal debe ter para que non fose suprimido. En canto á desafectación das vivendas dos mestres, o proceso debe contar coa autorización das autoridades educativas da Xunta de Galicia tal como recolle o Real Decreto 605/1987, de 10 de abril que regula o procedemento de autorización previa á desafectación dos edificios públicos escolares que sexan de propiedade municipal. Nel indícase que a autorización previa á desafectación dos inmobles e edificios públicos escolares só poderá ter lugar, conforme ao procedemento establecido nesta disposición, cando concorra que o inmoble deixe de ser necesario, en todo ou en parte, para o desenvolvemento do servizo público do ensino; cando, previa peritación técnica, as condicións ou características físicas do inmoble, ou da parte cuxa desafectación se propón, non resulten adecuadas á finalidade educativa e cando concorra calquera outra circunstancia da que se deduza a conveniencia ou necesidade de desafectarlo, previa xustificación razoada no expediente. Entanto non se desafecten tales vivendas unidas aos centros docentes, a obrigación municipal de proporcionar vivenda aos Mestres continúa subsistente segundo as leis e tamén a obriga de mantemento, conservación e vixilancia das vivendas destinadas a casa-habitación dos Mestres situadas nos centros. Non cabe dúbida que a día de hoxe, apesar das leis vixentes e do anacrónico, innecesario e ridículo pago por este concepto, as vivendas dos mestres, moitas avellentadas e con máis de cincuenta anos enriba, deberían ter tido xa desde hai anos un uso social máis acorde coa realidade e que coas actuais problemáticas (acollida, maltrato, desahucios...) cobra maior sentido a sua desafección. Outra cousa é se o Concello conta con recursos abondo para estes destinos...

Compartir el artículo

stats