O programa "Correspondentes xuvenís 3.0" xa está aquí. O éxito desta iniciativa foi tal que este curso o número destes xornalistas para a mocidade creceu de maneira espectacular, pasando dos 18 do anos pasado aos case 50 desta nova edición. Este programa ten como obxectivo que o alumnado de varios centros educativos de Cangas se convirta nunha sorte de "antena informativa" que transmita aos seus compañeiros toda a información vencellada coa área de mocidade. Quen sabe se deste modo algún descubre a súa alma de xornalista.

A iniciativa a poñen en marcha un ano máis a Dirección Xeral de Xuventude e a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Cangas e os centros que participan neste proxecto son os institutos de Rodeira, María Soliño e Montecarrasco e os colexios Casa de la Virgen, Compañía de María e Eduardo Pondal. Os correspondentes serán estudantes do segundo ciclo da ESO, bacherelato e ciclos medios e superiores de formación profesional.

Antes de adentrarse nesta aventura xornalística recibirán unha formación previa e estarán apoiados polos seus profesores. A súa misión serárecoller a información en materia de xuventude que proceda da Dirección Xeral da Xuventude ou da OMIX para achegarlla e explicarlla ao resto dos seus compañeiros. Será información vencellada a convocatorias que lles poidan interesar, carnés xuvenís, así como recursos e actividades que sexan do seu interese. Este traballo xornalístico tamén vai ter a súa recompensa posto que ao final obterán un certificado de experiencia equivalente a 100 horas, que lles servirá para o seu curriculum, e terán tamén a oportunidade de desfrutar da neve en Cabeza de Manzaneda.

A presentación oficial do programa tivo lugar no salón de plenos do Concello de Cangas, onde estivo a directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez; o director do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, Jesús Antelo; o concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Andrés García Bastón, así como técnicos da OMIX, os novos correspondentes 3.0 e o profesorado que os apoiará durante esta experiencia.