Xa se sabe que polo San Martiño trompos ao camiño e que é un bo momento para desfrutar das castañas asadas no magosto. Estes foron precisamente os temas principais das imaxes premiadas no I Maratón Fotográfico San Martiño de Bueu. A participación foi todo un éxito e onte celebrouse a entrega de premios na sala Amalia Domínguez Búa, un acto complementado con festa na rúa grazas a actuación musical de Xenderal no entorno da praza de abastos.

Esta maratón quería ser un aliciente para que a xente saíse a rúa no día de San Martiño para que a través da expresión fotográfica participase da festa e das tradicións deste tempo. Todas as fotografías tiñan que estar feitas na xornada do mércores 11 de novembro, festa do patrono de Bueu. A organización, que correspondeu a rede laboral Argo Navis e ao Concello de Bueu coa colaboración da Librería Miranda, estableceu dúas categorías: adultos (máis de 16 anos) e infantil. Na dos maiores o primeiro premio foi para Esteban Piedras e unha imaxe de trompos; o segundo foi para Madelaine Santomé, que achegou unha imaxe vencellada ás castañas e ao magosto; e o terceiro premio foi para Pilar Fiel, con outra foto de trompos. No tocante á categoría infantil, o xurado apostou por conceder un galardón compartido a Iria Villanueva e Mateo Rivera.

Membros do xurado

O tribunal encargado de valorar os traballos presentados estaba composto polo concelleiro de Cultura, Carlos Eirea; os fotógrafos Rodrigo Otero e Eva Pastoriza, que na actualidade cursan Carlos Eirea, Concelleiro de Cultura o segundo curso do Ciclo Superior de Fotografía Artística na Escola Superior de Artes Plásticas de Vigo; e Alba Sotelo e Xabier Castro, ambos fotógrafos e representantes da rede laboral Argo Navis.