Festa anual da arte, da cultura e do patrimonio

A cultura reivindícase fronte á barbarie na entrega dos premios Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño

Os atentados de París marcaron a celebración de onte no Auditorio, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas - Foron distinguidos Lembranzas da Ría, Paco Mallo, Pilar Piñeiro e Camilo Camaño

15.11.2015 | 06:00

Cun minuto de silencio en memoria das vítimas dos atentados terroristas de París e cunha reivindicación da cultura, o deporte e a educación como ferramentas máis eficaces para combater a barbarie comezou e rematou a entrega dos premios Xohán de Cangas á creación artística e á labor cultural e Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio que se celebrou onte pola noite no Auditorio. A ceramista Pilar Piñeiro, a agrupación Lembranzas da Ría e o aparellador Paco Mallo foron os galardoados, ao que se sumou o artista Camilo Camaño, homenaxeado pola súa traxectoria. Recolleron os premios nun acto presentado por Sheila Lorenzo ao que asistiron máis de 300 persoas e que contou coa actuación de media ducia de representantes das artes escénicas e musicais da vila, como a banda de música Belas Artes, a escola de ballet de Inés Núñez, a Escola Municipal das Artes Escénicas, a banda de gaitas Tromentelo ou o coro do Conservatorio de Música.

Despois do minuto de silencio solicitado polo concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera, variouse o guión para facer un recoñecemento a Camilo Camaño Xestido, que se xubila das súas tarefas nesa área municipal e recibiu da teniente de alcalde, Mercedes Giráldez, un diploma de agradecemento e o aplauso do público. Belas Artes abrira o repertorio musical con varios temas, antes de que Mera subira ao estrado para facer un compendio dos premios e dos premiados, explicar o puntual cambio de datas desta Festa da Cultura -en maio houbo eleccións municipais- e aproveitar tamén para reclamar máis atención á cultura e a industria vencellada a ela, así como criticar as trabas que lle pon a Administración, como o excesivo tipo de IVA que se lle aplica.

As actuacións de Tromentelo e do ballet de Inés Núñez ambientaron a entrega do premio Ignacio Cerviño ao aparellador Francisco Mallo, que recibiu de mans do concelleiro do PP Pío Millán unha escultura realizada por Marcelo Scapinachis que representa a garita do Facho de Donón, a mesma figura que se entrega a todos os galardoados desde hai tres anos. Entre os méritos que o xurado recoñece a Mallo están a súa constante preocupación polo patrimonio histórico e artístico, que contribúe a poñer en valor tanto como estudioso do mesmo (é o caso das casas mariñeiras de Cangas) como desde o ámbito profesional, no que destaca, entre outros, o proxecto de recuperación da Capela do Hospital.

A ceramista Pilar Piñeiro era a chamada a recoller o Premio Xohán de Cangas á Creación Artística, aínda que excusou a súa ausencia por motivos persoais e no seu lugar subiu ao estrado unha sobriña, que agradeceu a distinción no seu nome. As actuacións de Lembranzas da Ría e da Escola Municipal de Teatro de Cangas, que puxo en escena un fragmento da obra "Bordadora de soños", estreada o ano pasado deron paso á entrega do Premio Xohán de Cangas á Labor Cultural, que recolleron catro representantes da Asociación Cultural Lembranzas da Ría encabezados polo seu director, Manuel Cobas, de mans do alcalde, Xosé Manuel Pazos. As tres décadas de traballo a prol de bailes e músicas tradicionais xustificaron o recoñecemento do xurado.

Despois de case dúas horas de programación, Pazos foi o encargado de pechar o acto, arredor das dez da noite, cun discurso no que condenou os atentados de Francia, pero tamén os que se producen a diario noutros puntos do planeta, como Siria, Irak, Gaza, Cisxordania ou Afganistán. A educación, o deporte e a cultura son os alicerces máis sólidos contra a barbarie, repetiu o rexedor, que insistiu en que Cangas está decididamente comprometida con estes principios.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine